Ourense acollerá a etapa raíña de O Gran Camiño entre Xinzo e Xunqueira de Espadanedo

PRESENTACIÓN ETAPA PROVINCIA DE O GRAN CAMIÑOO presidente provincial, Luis Menor, participa na presentación da etapa na provincia de O Gran Camiño 2026. No mosteiro de Xunqueira de Espadanedo. Tamén participan Pablo Graña Rodríguez (Alcalde de Xunqueira de Espadanedo), Ezequiel Mosquera Míugez (Director da Volta), Cristina Campero Dorado (Concelleira de Xinzo de Limia) e Jésica González de Diós (Concelleira de Xuqueira de Espadanedo).

O presidente da Deputación, Luis Menor, destaca o retorno do ciclismo de máximo nivel á provincia cunha etapa que se disputará o 17 de abril, “un evento que suma deporte, promoción turística, economía local e orgullo de territorio”, sinalando a oportunidade que suporá para “dinamizar concellos, impulsar a hostalería e reforzar a marca Ourense”.

A provincia de Ourense volverá ser escenario do ciclismo internacional coa celebración da etapa raíña de O Gran Camiño 2026, que terá a súa saída en Xinzo de Limia e a chegada en Xunqueira de Espadanedo o vindeiro 17 de abril. A presentación oficial celebrouse hoxe no Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo.

No acto participaron o alcalde de Xunqueira de Espadanedo, PabloGraña; a concelleira de Deportes de Xinzo de Limia, Cristina Campero; o director da proba, Ezequiel Mosquera, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que pechou a presentación subliñando que “o ciclismo de máximo nivel regresa a Ourense despois de experiencias que quedaron gravadas na memoria colectiva, como as metas de Ribadavia ou Rubiá, ou a saída de Xinzo, vivida como unha auténtica festa popular”.

Menor puxo en valor a resposta do público ourensán nas anteriores edicións, mesmo en condicións meteorolóxicas adversas, como mostra de que “Ourense é unha provincia con afección e capacidade para acoller grandes eventos”, amosándose optimista co cambio de datas da carreira ao mes de abril.

O presidente provincial destacou tamén a proxección internacional da proba, retransmitida en máis de 150 países, así como o seu prestixio deportivo, cun palmarés no que figuran nomes como Alejandro Valverde, Jonas Vingegaard ou Derek Gee.

O presidente da Deputación reafirmouse na aposta da institución provincial por eventos que “suman deporte, promoción turística, economía local e orgullo de territorio”, sinalando que cada etapa supón unha oportunidade para dinamizar concellos, impulsar a hostalería e reforzar a marca Ourense.

A etapa entre Xinzo e Xunqueira permitirá, tal e como sinalou Menor,recuperar a esencia da histórica Volta Ciclista a Galicia, transcendendo o ámbito deportivo para promover tamén as posibilidades turísticas do territorio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios