O poder sueco do Celta maniféstase en Balaídos ante o Lille

Un regalo de Lille, aos 35 segundos, que aproveitou o Celta cun gol de Swedberg, e un gol de Starfelt, na primeira que tiveron os galegos no segundo tempo, achegaron ao Celta á eliminatoria intermedia da Liga Europa. O cadro vigués, que tiña o partido controlado, sufriu o acoso francés logo da expulsión de Hugo Sotelo no minuto 26. Giroud recurtou distancias no minuto 86, pero o cadro galego aguantou os ataques galos e sumou os tres puntos.

Agasallo do Lille e expulsión de Hugo Sotelo

O partido comezou cun agasallo visitante. O segundo balón que sacaba Alexsandro desde a súa posición de central, entregoullo a Borja Iglesias, que cedeu para o desmarque de Iago Aspas. O de Moaña encarou a Özer e, ollando que Swedberg non tiña oposición, pasou ao sueco para que abrira o marcador ao minuto de xogo.
A piques estivo Swedberg de interceptar o saque de Özer no cuarto minuto. Chegou a tocar a pelota, pero cando pelexou con Perraud para roubalo definitivamente, xa estaba moi desprazado da área e perdeu a opción de acabar a xogada en vantaxe.
As desgrazas galas continuaron en forma de lesión. Na loita por un balón dividido acabou mancado Bentaleb, que deixou o seu ligar a Mandi no noveno minuto.
Antes do cuarto de hora volveu a achegarse o Celta. Miguel correu a un balón profundo. O ex do Pontevedra alcanzouno antes da liña de fondo e cedeuno para a chegada solitaria de Iago Aspas. O de Moaña axustou ao pau desde a frontal e Ôzer chapou cunha estirada.
O Celta tiña controlado totalmente o partido e aínda lle sería anulado un gol a Javi Rueda por fóra de xogo de Borja Iglesias ollado polo liña e confirmado polo VAR, Descontrolouno a partir do minuto 26 por unha dura entrada de Hugo Sotelo a Mandy na parcela francesa e co galo de costas ao campo celeste. O colexiado mandouno á ducha e os galegos quedaron con dez.
Á media hora, Félix Correia non chegou no segundo pau a un centro de Alexsandro porque Javi Rodríguez rozou e atrapallou o movemento do portugués na perpendicular ao poste.
O xogo endureceuse e Ngoy apañou o cartón amarelo por unha entrada abaixo a Javi Rueda. Antes del, e despois, tamén, vírono Marcos Alonso e Mingueza por protestar. Mandi, por outra entrada a Miguel, no límite da expulsión, recibiu igualmente o cartón de Osmers, o colexiado alemán.
O treito final do primeiro tempo foi dominado Lille, que se fixo coa posesión do balón. Abusou do xogo pola dereita, con varias accións de Broholm, pero a zaga local rexeitou os centros rasos. Tamén tivo opcións de disparo. Perraud mandou o seu por riba da trabe e Radu detivo o de Mandy. O Celta, case sempre en repregamento, debuxaba un 1x5x4x1 con Borja Iglesias na punta.

Starfelt capitanea ao Celta

Giráldez e Génésio comezaron o segundo tempo facendo dúas substitucións nos seus equipos. Pablo Durán pasou a ser a referencia galega en ataque, mentres Sergio tapaba a banda esquerda, liberando a Mingueza para funcións máis creativas como volante dereito.
No Lille, Mandy, o xogador multifuncional, púñase de central e os dous novos, Fernández-Pardo e Tiago Santos aumentaban o potencial ofensivo francés para dar amplitude por ambas bandas.
O primeiro xute do segundo tempo foi de Broholm e bateu contra o lateral externo da rede da meta céltica. Era o minuto 55. No 59, Radu puido deter en dous tempos un desvío de Giraud, dentro da área pequena, tras o centro de Tiago Santos. O Lille dominaba o xogo, non deixaba saír ao Celta da súa parcela e seguía percutindo arriba, como nun disparo de Mukau, desde a media lúa, que non atopou porta.
O Celta non perdoou na primeira que tivo. Pablo Durán sacou petróleo nun ataque solitario no que provocou un córner. Miguel lanzou ao corazón da área e Starfelt, co brazal de capitán, saltou para cabecear ao pau e deixar o coiro dentro da meta de Özer. Corría o minuto 69.
O gol apagou ao Lille, que só atopou solucións en xutes afastados de Tiago Santos por riba da trabe. Radu tamén chapou outro polo centro de Mikau. Malia todo, no minuto 86, unha colada de Diaoune, que driblou a dous celestes, facilitoulle o centro a Giroud, para que o ariete cruzara á rede.
O Lille encerrou ao Celta nos últimos minutos, pero funcionou a orde defensiva dos de Giráldez, que garantiron estar na eliminatoria intermedia a unha xornada do remate da fase de grupos da Liga Europa.

Ficha

XOVES 22/01/2026 (21,00) Campo: BALAÍDOS (20,015)
R.C. CELTA : 2 – LILLE O. SP. C. : 1 (1‑0)
CTA
: Radu; Javi Rodríguez, Starfelt, Marcos Alonso; Javi Rueda (Ristić 89’), Hugo Sotelo, Miguel, Mingueza (Hugo Álvarez 88’); Iago Aspas (Pablo Durán D), Borja Iglesias (Sergio D), Swedberg (El-Abdellaoui 71’). Tre, Claudio Giráldez. (Banco: Villar (g); Manu: Yoel; Burcio; Cervi; El-Abdallaoui; Jutglà; Bryan).
LIL : Özer; Meunier (Tiago Santos D), Ngoy, Alexsandro (Fernández-Pardo D), Perraud; Broholm (Verdonk 87’), Mukau, Bentaleb (Mandi 9’), Félix Correia (Diaoune 74‘); Haraldsson, Giroud. Tre. Bruno Génésio. (Banco: Bodart (g); Sajous (g); Mbemba; Goffi; Baret; Boussadia).
Goles: 1-0 Swedberg 1’; 2-0 Starfelt 69’; 2-1 Giraud 86’.
Árbitro: Osmers (Alemaña). Auxiliares: Schaal e Gittelmann. 4º árb.: Exner.
VAR: Brand. AVAR: Pfeifer.
Disciplina: CA: Marcos Alonso 31’; Ngoy 32’; Mingueza 33’; Mandi 40’; Swedberg 64’; Radu 82’ // VD: Hugo Sotelo 26’.

Comparte éste artículo
No hay comentarios