Ana Miranda denuncia a actitude do PP, que foi “indigno na xestión do accidente de Angrois” manobrando para ocultar información e agora pide dimisións.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de remitir unha pregunta á Comisión Europea na que formula tres cuestións relacionadas coa seguridade ferroviaria ao fío do accidente de Adamuz ocorrido o pasado 18 de xaneiro. “Pode verificar a Comisión se as normas implementadas despois do accidente de Angrois estaban implementadas no momento do tráxico accidente de Adamuz?”, pregunta a eurodeputada galega. “Se hai unha normativa para cumprir en materia de seguridade ferroviaria, hai que saber se as normas aplicadas despois do accidente de Angrois estaban hoxe implementadas. Parece ser que non”, alerta ao respecto.
“Pode confirmar a Comisión se xa abriu unha investigación da Axencia Ferroviaria Europea despois do accidente de Adamuz o pasado 18 de xaneiro? Vai a abrir a Comisión un procedemento de infracción contra España por este tráxico novo accidente?”, son as outras dúas preguntas que formula Ana Miranda no seu escrito dirixido a Comisión Europea.
A eurodeputada galega lembra que foi unha denuncia presentada pola propia Miranda a que propiciou a apertura dun procedemento de infracción por parte da CE en xaneiro de 2019, para que o Estado realizara unha investigación independente e aplicara a normativa de seguridade ferroviaria. Neste sentido lembra as manobras da exministra Ana Pastor para ocultar un informe crítico da UE contra a investigación realizada pola CIAF, ao non considerala independente.
Indignación
“Queremos denunciar a actitude do Partido Popular, que foi totalmente indigno na xestión do accidente de Angrois e que agora pide dimisións. Queremos denunciar que non teñen vergoña, porque deixaron sen amparo as vítimas”, subliña Ana Miranda, quen expresa toda a solidariedade coas vítimas do accidente de Adamuz, do mesmo xeito que sempre estivo ao carón das vítimas do sinistro de Angrois.
Por outro lado, a eurodeputada do BNG critica a absolución do ex xefe de seguridade de Adif. “Sentimos indignación pola sentencia da Audiencia Provincial de A Coruña, que libera de toda responsabilidade ao que fora director de seguridade ferroviaria de Adif”, manifesta. Neste sentido, sinala que o informe da Axencia Ferroviaria Europea sobre o accidente de Angrois dicía que as causas profundas de accidente había que investigalas, que non era un fallo mecánico,senón que se trataba dunha causa profunda de non ter un sistema de freado automático como esixe a directiva europea.