Ana Miranda denuncia o cinismo e as mentiras do PP, que no Parlamento Europeo vota en contra dos intereses do sector agrogandeiro e logo presume de defendelo.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou hoxe, a respecto do acordo entre a Unión Europea e o Mercosur, a necesidade de que o sector agrogandeiro conte cunhas “cláusulas de salvagarda maiores, moito maiores que o 5%, que se protexa o sector, que é o que vai a sufrir”. Reclamou á Comisión “que teña en conta que hai moita mucha xente que vive deste sector agrogandeiro e que non pode vivir de outra cousa porque non hai alternativas. As alternativas non son as celulosas. As alternativas son vivir do campo, producir, que non veñan exportacións inxustas”, salientou.
A eurodeputada galega expresou o apoio do BNG ao sector agrogandeiro galego e as tractoradas, tanto respecto as súas protestas polo acordo con Mercosur como contra “unha PAC totalmente inxusta”. “Non estamos a favor dos recortes, non estamos a favor da desaparición do segundo piar e, por suposto, cremos que non se pode andar dando dádivas, como pasou o outro día no acordo de Mercosur”, apuntou Ana Miranda na súa intervención na Comisión de Peticións.
Na propia Comisión, a eurodeputada galega quixo aclarar os votos dos diferentes eurodeputados e eurodeputadas, lembrando que os representantes do PP votaron en contra das salvagardas o pasado mes de decembro no Pleno da Eurocámara “e agora veñen de salvadores, porque lle teñen medo ás tractoradas, téñenlle medo á voz do pobo que estaba nas rúas”, criticou, denunciando así o cinismo e as mentiras do PP, que no Parlamento Europeo vota en contra dos intereses do sector agrogandeiro e logo presume de defendelo.
Mesmo PP na Comisión e na Xunta
“Pero vamos a ver, quen goberna en Europa? O PP. E quen goberna neste Parlamento? Quen ten a maioría? O PP. En Galiza? Pois tamén”, aclarou Ana Miranda na súa intervención, quen tamén criticou que haxa deputados que publican gráficos nos que menten sobre o sentido dos votos, como por exemplo a respecto da Comisión de Comercio Internacional, na que é imposible que o BNG vote porque non forma parte dela. “Hai xente que vota en contra, precisamente, de defender o sector e logo se lles abre moito a boca e se lles abre, precisamente, co contrario”, critica.
Precisamente o pasado 21 de xaneiro o Parlamento Europeo aprobou (con 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións) trasladar o acordo con Mercosur ao Tribunal de Xustiza Europeo para que ditamine se é compatible cos tratados foi xestionado de forma non democrática en tanto que tanto a Comisión Europea como o Consello saltaron todos os principios de cooperación entre institucións para aprobar un acordo pola porta de atrás, o PP votou en contra.