Antonio Ameijide explica que “en momentos de contratempos como o actual” ter realizado periodicamente o mantemento da rede viaria provincial e todas as infraestruturas que a compoñen “é clave” para evitar problemas.
Os diferentes temporais que estamos a vivir nas últimas semanas están a castigar con dureza a provincia de Lugo, provocando numerosos problemas e inconvintes para todos os lucenses, “que se ven agravados pola alarmante falta de mantemento da rede viaria provincial” por parte de PSOE e BNG nos últimos anos.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, fai esta reflexión porque “en momentos de contratempos como o actual” ter realizado periodicamente o mantemento da rede viaria provincial e todas as infraestruturas que a compoñen “é clave” para evitar problemas. “Onte vímolo, nunha crecida, como tantas tivemos nesta provincia, que provocou a caída dunha ponte en Navia, pero hai outra a piques de caer na Terra Chá e outro caso tamén na Mariña”, explicou.
Ameijide reflexiona sobre o mantemento das estradas “un traballo moi importante, vital para a seguridade das persoas” pero que “para PSOE e BNG é secundario”. “Por que é secundario? Moi sinxelo, porque non o poden anunciar nin inaugurar”, lamentou.
Ademais, o popular tamén pregunta por que non se fai mantemento: “Porque o PSOE e o BNG prefiren o diñeiro para outras cousas”.
Neste senso, Ameijide esixe a PSOE e BNG que se tomen en serio o mantemento da rede viaria provincial porque “ao non facelo, atopámonos con que as estradas son un perigo e que a rede viaria en xeral está feita un verdadeiro desastre”.