Proxéctase a construción dunha central enerxética que emprega como depósito inferior a balsa mineira de Meirama, cuxa auga desemboca no encoro de Abegondo-Cecebre; e unha balsa superior que anegará zonas naturais non inventariadas.
A asociación ecoloxista ADEGA, a asociación veciñal e ambiental de Meirama e a Asociación de veciñas e veciños Encrobas Viva veñen de presentar alegacións ao proxecto de central de bombeo na balsa mineira de Meirama, impulsado pola empresa Coventina Renovables S.L. e declarado estratéxico pola Xunta de Galiza.
En concreto, está proxectada a construción dunha central enerxética que empregaría como depósito inferior a balsa mineira de Meirama, cuxa auga desemboca no encoro de Abegondo-Cecebre. Este encoro, ademais de ser un espazo natural protexido que forma parte da Rede Natura 2000 (ES1110005), é a principal fonte de auga potábel para a cidade da Coruña e a súa área metropolitana.
No Plan Nacional Integrado de Energía y Clima 2021-2030 (PNIEC) explicítase que este tipo de instalacións non poden situarse en espazos naturais protexidos debido aos posibles danos sobre os ríos e a biodiversidade. Ao tempo, o estudo ambiental presentado pola empresa non analiza os impactos desta infraestrutura no espazo protexido nin sobre a calidade da auga do encoro, unha omisión grave e inaceptábel.
Un risco real para a auga potábel
O mal chamado lago de Meirama non é un lago natural, senón unha balsa mineira. É o que queda da antiga mina a ceo aberto, de forma que a súa auga ten certas características que a fan dificilmente compatible con ser empregado para consumo humano. Esta auga ten unha alta acidez e unha importante cantidade de metais pesados (como manganeso, ferro, aluminio, incluso arsénico e uranio), ademais dun baixa concentración de osíxeno.
Esta central funcionaría bombeando e soltando grandes volumes de auga constantemente. Este movemento masivo podería remover e arrastrar estes metais pesados desde a balsa mineira cara ao río Barcés e, finalmente, ata o encoro de Cecebre. Desta maneira, poñeríase en risco a calidade da auga que bebemos centos de miles de persoas. O estudo do proxecto pasa completamente por alto este perigo.
Desaparición de espazos naturais non inventariados
Este proxecto prevé o aproveitamento enerxético dun salto de auga desde unha balsa creada para o propio proxecto preto da marxe do río Barcés cara á balsa mineira de Meirama. A creación da balsa superior, de 1 km de largo por 400m de ancho, está prevista na ladeira sur do Monte Xalo, unha zona onde existen espazos naturais como as brañas de Torreiro e o rego de Biduído, que, a pesar de non estar inventariados, manteñen importantes valores naturais. O desenvolvemento deste proxecto suporía a desaparición destas zonas naturais.
Falta de transparencia
Para un proxecto deste calibre, que vai repercutir gravemente na vida de moitas persoas, e aínda que a normativa non o esixa expresamente, os principios de boa administración e a necesaria ponderación de dereitos recomendan non facer unha simple publicación no Diario Oficial. As persoas afectadas teñen dereito a recibir información sobre o proxecto de forma comprensíbel, polo que debería habilitarse unha canle para que a veciñanza e as entidades interesadas poidan expresar as súas preocupacións á administración de forma directa.