Edu (Estradense), chegar e bicar o… 3.000

Campo de Barraña, minuto 62. O Estradense acababa de quebrar o 0-0 dous minutos antes por medio de Padín. Sen confiarse, os de Manu González queren o segundo. O balón está en poder do Boiro no lado esquerdo da zaga, pero a presión de Mella e Edu dá resultado.
Miguel recupera o coiro a cinco pasos da frontal da área. Mella queda no lateral da mesma, pero Edu atopa o espazo nun desmarque cara ao interior. Miguel olla o corredor para un pase vertical a Edu. O santiagués recibe sen problemas, orienta a posición e o control cara á portería e, cun xute cruzado, é quen de superar a estirada de Borja.
O ariete, que retornaba ao cadro da Estrada tres anos e medio despois e acababa de substituír a Ian no descanso, facía máis sólida a vantaxe do seu equipo anotando aos 17 minutos de volver vestir a casaca encarnada.

Un 13 que tamén é 3.000 e quebra os seus dous malos comezos

Só foi consciente de anotar un gol máis na terceira etapa da súa carreira co Estradense. Até podía sospeitar que era o seu décimo terceiro tanto cos vermellos. Fixérao ou non, o 13 foi tamén o 3.000. O de Compostela acababa de subir un tanto milenario. Con ese, na portería que está á dereita da Tribuna, eran tres milleiros de goles que subiran aos marcadores dos campos galegos na fase regular da Terceira Federación desde que a categoría pasou a ser o quinto nivel do fútbol español.
Edu tamén quebrou un maleficio. Nas dúas ocasións anteriores, o Estradense perdera por 0-1 no seu primeiro partido de vermello. Na campaña 2020/21, na casa, contra o Barco e na 2021/22, tamén no Novo Municipal, fora contra o Somozas.

Os outros milenarios

Logo que Óscar Martín (Barco) superara a Adrián Ríos (Silva) na primeira xornada da Terceira galega 2021/22 hai contabilizados 3.004 goles no torneo, entre administrativos e físicos
Houbo que agardar até a campaña 2022/23 para chegar aos mil, Na xornada 20, Marcos (Racing Villalbés) foi quen o fixo ao bater a César aos 57 minutos do partido dos chairegos en Lavadores. Era o 1-1 dun partido que o Gran Peña e os da Terra Cha remataron 2-2.
O gol 2.000 foi obra dun dos dous que na actualidade dominan a táboa de goleadores do grupo. Aday non podía ser, que acaba de chegar neste exercicio, pero si Maceira, na actualidade no Compostela. Naquel entón marcou para o desaparecido Polvorín (integrado no C.D. Lugo). Aos 27 minutos da xornada 7 da 2024/25, o cadro da capital amurallada igualou un choque que o Villalonga gañaba por 1-0 en San Pedro. Maceira foi quen de superar a Rodri,

Estradenses centenarios

O Estradense tamén ten outros autores con goles en 00. Neste caso aparecen Juanín, que fixo o 700 ao marcarlle a Brais o 2-0 nun partido que o Fabril acabaría igualando na Estrada (2022/23).
Mella fixo o 1.100 ao bater a Adrián Ríos (Silva), na xornada 26 da 2022/23. Pouco despois, Sobrido asinou o 1.500 no tanto que abría o 1-3 fronte ao Arzúa no Viso (14/01/2024).
Brais Vidal, o gran centrocampista que non é tan habitual colocando o coiro nas metas dos rivais, celebrou o 1.900 ao abrir a lata do partido contra o Somozas, no Novo Municipal, a pouco de comezar a seguinte temporada (15/09/2024).
Por último, na xornada 3 da actual sesión, Pedrosa anotou o 2-0 do encontro que o seu equipo xogou de local contra o Céltiga. Superou a Antón no minuto 54 e o xogo remataría cun 2-1.
Curiosamente, no que vai desde a primeira xornada da 2021/22 até a pasada fin de semana, ningún equipo foi quen de marcarlle ao Estradense un gol centenario.

Foto: Edu no día da súa presentación para vivir a súa terceira etapa no Estradense. © C.D. Estradense

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios