Glockenwise publica Vai dar,  avance do seu novo álbum

A banda rock de Barcelos regresa ao estudio de gravación tres anos despois do lanzamento do seu último LP,  Gótico Português, que presentou en festivais como Paredes de Coura, MEO Kalorama, Tremor ou Sinsal.

As e os amantes da música rock e garage están de noraboa: neste 2026 regresa aos escenarios Glockenwise, unha das bandas máis salientables da escena rock portuguesa actual. Desde hoxe pódese escoitar nas principais plataformas dixitais Vai dar, o primeiro sinxelo dun álbum que verá a luz no último cuadrimestre do ano. 

O lanzamento de Vai dar -que conta coa participación de Pedro Alves Sousa (saxofón), Carolina Rodrigues (violoncelo) e Sérgio de Bastos (piano)- marca así o regreso dunha formación coñecida tamén pola súa participación en citas de referencia tanto en Galicia (Sinsal, Osa do Mar) como do seu país (Tremor, Paredes de Coura, MEO Kalorama). 

Glockenwise é unha banda de Barcelos composta por Nuno Rodrigues (voz e guitarras), Rafael Ferreira (guitarras), Rui Fiusa (baixo) e Cláudio Tavares (bateria). Nos seus 15 anos de traxectoria, teñen actuado tanto nas principais citas do seu país coma en numerosos escenarios europeos. 

Ás súas costas contan con cinco discos: Building Waves (2011), Leeches (2013), Heat(2015), Plástico (2018) e Gótico Português (2023). Neste 2026 publicarán o seu novo traballo discográfico da man do selo Vida Vã, creado pola propia banda no 2022.

Comparte éste artículo
No hay comentarios