O reitor da UDC, Ricardo Cao, e o xerente do CHUAC, Luis Verde, inauguraron hoxe a xornada “Neurotecnoloxía para a medicina”, organizada polo grupo Neurocom do CICA/INIBIC co apoio do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
A neurotecnoloxía como ferramenta clave para o diagnóstico, tratamento e rehabilitación de enfermidades neurolóxicas é o eixo central da xornada “Neurotecnoloxía para a medicina”, inaugurada esta mañá no CHUAC polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e o xerente do CHUAC, Luis Verde e á que asisten máis de 150 persoas do sector sanitario.
Na apertura deste encontro, organizado polo grupo de Neurociencia e Control Motor (NEUROcom) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) e do INIBIC, tamén interveu o investigador da UDC Casto Rivadulla, quen destacou a colaboración entre ambas entidades, non só nesta xornada, senón en moitos proxectos de investigación e transferencia no ámbito da saúde.
Ao longo do día, diferentes profesionais de referencia en neurociencia, enenxeñaría biomédica e en medicina clínica abordarán os avances máis recentes en neuromodulación, estimulación cerebral non invasiva, ultrasóns focalizados, robótica pediátrica e intelixencia artificial aplicada á neurociencia.
“Todas elas son técnicas – subliñou o reitor da UDC, Ricardo Cao- que están a transformar a formación médica: máis próxima ao hospital, máis interprofesional, máis tecnolóxica e máis conectada coa investigación”. “Hoxe -incidiu Cao- amosaranse novas iniciativas derivadas do traballo conxunto entre persoal investigador, clínico e empresas innovadoras. Ese é o ecosistema que Galicia necesita para posicionarse como referente en saúde dixital e en medicina de precisión”.
Nese sentido, o reitor da UDC amosou o seu convencemento de que “amedicina que vén vai ser tecnolóxica, personalizada e intelixente, pero sobre todo seguirá sendo profundamente humana. E Galicia ten talento, capacidade e visión para estar na vangarda desa transformación”.
Pola súa banda, o xerente do CHUAC, Luis Verde, subliñou que “este tipo de encontros amosan a importancia do acercamento da investigación básica á clínica co obxectivo de que os avances e o novo coñecemento cheguen canto antes aos pacientes. Ademais o feito de que se celebre no propio hospital facilita que os nosos profesionais poidan descubrir de primeira man os últimos desenrolos técnicos e posibles aplicacións”.
Tras a inauguración, a sesión da mañá comezou falando dos últimos avances en técnicas de neuromodulación non invasiva, que desde fóra do cerebropermiten modificar a súa actividade a través de campos magnéticos ou ultrasóns. Unhas técnicas que ata non hai moito eran puramente experimentais e hoxe teñen moitas aplicacións clínicas. Ademais, diferentes iniciativas no campo da robótica e a rehabilitación pediátrica. Intervirán especialistas de prestixio nacional e internacional, como Javier Cudeiro, catedrático de Neurofisioloxía e director do Centro de Estimulación Cerebral de Galicia, José Obeso, referente en neuroloxía e director do CINAC de HM Hospitales e Elena García Armada, fundadora e CEO de Marsi Bionics, spin-off pioneira en robótica pediátrica.
O programa complétase, na sesión de tarde, con relatorios sobre tecnoloxía portátil na rehabilitación infantil, estimulación cerebral a domicilio e o papel da intelixencia artificial como apoio á investigación neurocientífica, con participación de persoal investigador da UDC. Todo co obxectivo achegar unha visión interdisciplinar sobre como estas tecnoloxías están a transformar a práctica médica e a mellorar a calidade de vida das persoas pacientes.