O Ineltrón Santo Domingo recibe a Perfumeras Avenida de Salamanca

Nova ocasión para os betanceiros para distanciarse dos postos de descenso.

Certo que o Ineltrón Santo Domingo Betanzos ocupa a sétima praza do grupo AB da Tercera FEB (antiga liga EBA), nunha competición na que descenden do décimo primeiro ao décimo cuarto, máis a posibilidade real de arrastres dende Segunda FEB e a igualdade dominante na liga fan máis ca nunca necesario intentar sumar para non levar disgustos. E é que fóra doutras consideracións acerca dos equipos da categoría superior que poderían incrementar o número de descensos na Conferencia A da Tercera FEB, o certo é que, a día de hoxe, só dúas vitorias separan os betanceiros de Navia la Magaya, primeiro equipo en postos de descenso, e catro do Obradoiro, o último clasificado.

O rival, porén, non é dos máis propicios para seguir sumando. Sexto na liga cun partido menos e dúas vitorias máis ca os de Betanzos, o Perfumerías Avenida é un conxunto que, malia pasar unha mala xeira de resultados, segue sendo un dos principais candidatos a ocupar os primeiros postos da clasificación. Proba do seu potencial é o partido que se xogou en Salamanca na primeira volta, onde os betanceiros perderon por un contundente 114-69, aínda que daquela os salmantinos contaban nas súas filas coa súa estrela Aamari Smith, xogador que acabou fichando por Huesca La Magia da antiga LEB Plata. Pese a esa baixa, os rivais do equipo de José Amando Pena “Soviético” son uns rivais temibles con elementos da talle de Ousmane Kouruma, Mc-Carthy Santos ou Choithramani Blanco e acaban de dar de alta esta semana a Ismael Jimenez El Merzoug, proveniente do Filipenses de Palencia, xogador que promediou 11,4 pp co seu antigo equipo. Así valora a cita o adestrador betanceiro: “Partido complicado contra un equipo que nas últimas datas está tendo baixas e incorporación de xogadores, o que dificulta a súa preparación. O nosos están adestrando moi ben esta semana e teñen moitas ganas de dar unha boa imaxe ante un rival que pasou por riba de nós na ida. É un conxunto agora mesmo con 5 ou 6 xogadores moi bos á espera de ver o rendemento das novas incorporacións. Se somos quen de imprimir un ritmo alto na trasnsición defensa-ataque e de controlar o rebote defensivo teremos opcións de competir. A boa nova é que xa se incorporaron todos os xogadores aos adestramentos”.

O encontro terá lugar no pavillón muniicpal José María Valeiro Iglesias “Tocayo” e será retransmitido por tii.vii.gal.

Fase de acenso para os equipos cadete nunha xornada reducida

Polo que toca aos demais conxuntos do club destaca, sen dúbida, a Fase de Ascenso que disputan na Estrada, logo da suspensión da semana pasada por motivos meteorolóxicos, o Grelo e J.Caamaño Arquitecto, os cadetes masculino de segundo e primeiro ano. A cita para eles arranca o venres 30 ás 16h e os rivais dos equipos betanceiros, encadrados en distintos grupos, serán Porriño, Sigaltec Vilagarcía e Burela (Grelo) e Baxi Ferrol, Galogrín e Blanco Amor Ourense (J.Caamaño Arquitecto). Suceda o que suceda na Fase (limitada, ademais, pola imposibilidade de que poidan ascender dous conxuntos do mesmo club), non hai dúbida do tremendo éxito betanceiro ao colocar 2 equipos entre os 8 que compiten de toda Galicia. No resto da xornada (onde descansan o cadete e o infantil feminino e o Piccola mini) destaca a volta dos equipos premini, feminino e masculino, a visita dos infantís e dos júnior a Carballo e o partido do Infor-B, o júnior feminino, contra Maristas na Coruña. Os equipos sénior masculino descansan e o feminino visita Vilalba para xogar contra Terra Cha.

Comparte éste artículo
No hay comentarios