O voceiro municipal, Javier Castiñeira, preguntou no pleno ao alcalde por que non reinicia a contratación do servizo do centro con axudas aos usuarios case un ano despois de que o TACGAL anulase a adxudicación promovida polo goberno local.
O voceiro municipal do Partido Popular de Foz, JavierCastiñeira, aproveitou o pleno ordinario celebrado onte para preguntar ao alcalde por que non reinicia a contratación do servizo da residencia de maiores de Foz con axudas aos usuarios, tal e como reclamaba o PP, case un ano despois de que o Tribunal Administrativo de Contratos de Galicia (TACGAL) anulase a adxudicación promovida polo goberno local.
Tal e como xa advertiran no seu momento o Partido Popular e mesmo o BNG, o TACGAL deu a razón aos grupos da oposición ao considerar que non se podía licitar un novo contrato sen aprobar previamente un sistema de axudas para aqueles usuarios que non podían asumir a suba desproporcionada das tarifas que pretendía impor o executivo municipal.
A día de hoxe, a situación segue sendo de absoluta “irregularidade”. O Concello de Foz está a compensar economicamente á empresa concesionaria con máis de 300.000 euros anuais, unha cantidade moi superior á que custaría sacar un novo contrato correctamente feito, que incluíse as axudas necesarias para os usuarios da residencia
“O máis grave de todo isto”, sinala Castiñeira, “é que o propio alcalde recoñeceu no pleno o seu nulo interese pola residencia, deixando claro que non quere xestionala e que pretende cedela a calquera administración que a acepte”.
Neste senso, o alcalde confirmou contactos coa Deputación de Lugo para integrar a residencia na súa rede de centros, unha vez que o Concello a reciba da Xunta de Galicia a custe cero.
Desde o Partido Popular de Foz manifestan o seu total desacordo con esta situación, que deixa aos residentes sen saber cal vai ser o seu futuro próximo. A residencia de maiores foi concibida como un servizo plenamente municipal, e a súa entrega a outra administración suporía que o Concello perdera competencias sobre un servizo que tanto costou municipalizar, en beneficio tanto dos usuarios como dos traballadores do centro.
“Se a residencia é do Concello de Foz, o que ten que facer o Concello é xestionala directamente e con medios propios”, insiste o portavoz popular.
Por este motivo, o PP de Foz non aprobará ningunha cesión da residencia á Deputación de Lugo. Defenden unha residencia municipal que xa estaba a funcionar correctamente ata a chegada de Cajoto ao goberno local e para a que non existe ningún motivo obxectivo que xustifique este intento de desmantelamento, máis alá da desidia do alcalde e da súa negativa a recoñecer que estaba a facer as cousas mal..
Castiñeira cualifica a situación como “un auténtico despropósito e unha falta de respecto aos usuarios da residencia” aos que o alcalde “nin recibe nin escoita e cos que non conta absolutamente para nada, sen pensar no seu futuro”.
Desde o Partido Popular de Foz mostran a súa profunda preocupación pola actitude do rexedor ante un servizo tan esencial que, cómpre lembrar, foi conseguido polo PP cando gobernaba, grazas ás súas xestións coa Xunta de Galicia.
“Probablemente ese sexa o verdadeiro motivo polo que Cajoto quere desprenderse da residencia: porque lle lembra que é un logro do Partido Popular de Foz”, concluíu o voceiro municipal.