BenQuerer: Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle os días 6 e 7 de febreiro a estrea do novo espectáculo do bailador Fran Sieira, un só de danza acompañado en directo polo dúo galego Caamaño&Ameixeiras.

Fran Sieira estrea BenQuerer, o seu primeiro só de danza, acompañado pola música en directo do dúo galego Caamaño&Ameixeiras. O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá esta nova e esperada proposta os días 6 e 7 de febreiro ás 20.30 horas, con todas as entradas esgotadas.

Ben querer, querer ben ou quererse ben son algúns dos conceptos nos que afonda este novo espectáculo. A peza pregúntase: nun mundo en constante cambio, nun sistema que premia producir, avanzar e continuar, podemos permitirnos parar? Podemos mostrarnos vulnerables sen medo ao xuízo ou a sermos percibidas como fráxiles? BenQuerer conecta co cotián e cos procesos de adaptación aos cambios, reflexionando sobre como, en ocasións, asumimos máis do que nos corresponde e sobre a importancia de aprender a poñer límites.

Desde as marxes e cunha clara perspectiva de xénero, esta nova proposta de Fran Sieira nace do proceso creativo máis persoal da súa carreira artística. A peza aborda a necesidade de aprender a parar e a coidarse e este obxectivo esténdese máis alá da escena: tras os saúdos finais, BenQuerer continúa cun espazo de diálogo no que o público poderá reflexionar sobre o autocoidado emocional xunto ás artistas.

estrea de BenQuerer contará con diversas medidas de accesibilidade para as persoas que o precisen. Ofértase a posibilidade de reservar butacas preferentes a través do seguinte enlace» onde tamén se poden solicitar medidas de accesibilidade sensorial como mochilas vibratorias, servizo de interpretación en Lingua de Signos para o faladoiro posfunción e acceso a un paseo táctil polo escenario 30 minutos antes da función. Ademais, haberá programas de man en braille e follas coas letras das cancións.

O equipo de BenQuerer

A dirección artística de BenQuerer corre a cargo de Fran Sieira e do colectivo VACAburra, formado por Gena Baamonde e Andrea Quintana. No escenario, xunto a Fran Sieira, Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) interpretan a música en directo. O espazo sonoro é de Isaac Millán, a iluminación de Fidel Vázquez, o vestiario de Érica Oubiña e a dinamización do encontro posfunción de Nancy Silva e Thais Núñez.

A xira de presentación de BenQuerer ten as seguintes datas pechadas:

06/02 e 07/02 – Teatro Principal, Santiago de Compostela 27/02 – Auditorio Municipal Gustavo Freire, Lugo
17/04 – Auditorio CCC Manuel Murguía, Arteixo
24/04 – Pazo da Cultura, Narón
25/04 – Auditorio Municipal, Vigo 26/04 – Pazo da Cultura, Carballo 02/05 – Auditorio Municipal, Ribeira

O espectáculo contou coa colaboración de Residencias Atopémonos Bailando, Concello de Santiago, Concello de Ames e Codisoil SA

Fran Sieira, compañía de danza

Fundamenta o seu traballo nunha revisión do folclore galego dende un marco contemporáneo. A compañía, creada no 2017, estuda o movemento a través do baile tradicional e utilízao como o seu principal mecanismo de expresión, creando unha linguaxe do movemento de vangarda como reflexo da nosa tradición. A través da creación colectiva achega proxectos artísticos con vocación social e con moi boa acollida entre o público. Desde as marxes, a compañía crea espectáculos que teñen a vontade de xerar conciencia social e devolverlle á sociedade aquilo co que a inspirou. Outros espectáculos da compañía son EntreSoños (2018), DeMente (2021), Coreografías dun DeMente (2021), NeutrX (2022), Ceibe (2024) e Un Baile Ceibe (2024).

Caamaño&Ameixeiras

Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) forman este dúo galego ligado á música e ao baile de raíz. Desde o seu nacemento, en 2018, conta cunha intensa traxectoria, tanto a nivel nacional como internacional. Tomando como punto de partida a tradición, o dúo consegue crear unha linguaxe propia e única, con composicións e arranxos persoais e vivos que manteñen a esencia do popular incorporando recursos contemporáneos e situando a emoción en primeiro plano.

Comparte éste artículo
No hay comentarios