CCOO esixen a paralización total do mantemento en autovías e autoestradas de Galicia ata garantir condicións de seguridade

CCOO Hábitat Galicia anuncia a adopción de medidas preventivas urxentes e reclama a paralización total dos traballos de mantemento nas autoestradas e autovías de Galicia ata que se acredite, por escrito e con garantías reais, que a actividade pode desenvolverse sen expoñer ao persoal a riscos innecesarios. A decisión prodúcese tras o accidente laboral mortal ocorrido na A-8 en Guitiriz, no que dúas persoas traballadoras faleceron e outras dúas resultaron feridas de gravidade. Un feito que evidencia que os traballos en vía rápida seguen a realizarse en condicións incompatíbeis coa seguridade.

Nas últimas horas, o sindicato está a recibir vídeos e avisos de persoas usuarias das autoestradas e autovías que amosan situacións de risco recorrentes durante intervencións de conservación: sinalización insuficiente, presenza de persoal e vehículos en zonas de circulación con visibilidade limitada, e traballos executados en condicións meteorolóxicas adversas ou con afeccións ao tráfico que non semellan estar correctamente xestionadas, con especial incidencia en vías como a A-6 e a A-52, entre outras.

A representación legal do traballo (RLT) do servizo de mantemento da A-8 vén de solicitar medidas cautelares á dirección da empresa. Entre elas, a paralización preventiva total dos traballos ordinarios en vías rápidas e a suspensión automática da actividade durante alertas meteorolóxicas oficiais (MeteoGalicia/AEMET), mantendo unicamente actuacións de urxencia real por accidente ou incidencia, e sempre con avaliación específica e medidas reforzadas.

Un «punto e aparte» ata garantir a seguridade

CCOO demanda ás empresas concesionarias e contratas, así como ás administracións titulares das vías, que paralicen a actividade de mantemento ata implantar un marco de garantías verificábel: avaliacións de risco actualizadas, protocolos operativos efectivos, planificación realista, medios suficientes e supervisión preventiva rigorosa.

Así mesmo, o sindicato informa de que porá os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo e Seguridade Social e solicitará a súa actuación inmediata.

«Non estamos ante un debate menor: falamos de traballo en vías rápidas, con tráfico real e condicións cambiantes. Se non hai garantías, non pode haber actividade. A seguridade está antes que calquera parte de contrato», salientan Alejandra Gesto, Secretaria Xeral de CCOO Hábitat Galicia (Tel.: 630 878 970)

CCOO reitera que a paralización que se reclama non supón abandonar o mantemento, senón evitar intervencións perigosas, reprogramar actuacións e asegurar que cada tarefa se realiza con medidas preventivas suficientes e contrastábeis, sen improvisación nin riscos evitábeis.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios