O PP de Vilalba denuncia o pésimo estado no que se atopa o acceso ao polígono industrial de Vilalba, dende Baamonde, unha vía que presenta numerosos socavóns e desperfectos que supoñen un serio perigo para condutores e transportistas. “Non estamos a falar de simples baches, senón de auténticas fochancas que fan que circular por este acceso meta medo”, critican.
Para os populares resulta cando menos curioso o distinto criterio da alcaldesa á hora de reclamar actuacións segundo quen sexa o titular dunha infraestrutura. Recentemente, a rexedora criticou publicamente o estado da rotonda de acceso ao polígono —de titularidade da Xunta de Galicia— alegando que varias farolas estaban fundidas, o que reducía a visibilidade nun punto próximo ao enlace coa N-634 en dirección a Baamonde.
En contraposición, o goberno local “cala” ante o deplorable estado do acceso ao polígono industrial, unha vía que depende do Goberno do Estado e que se atopa nunha situación moito máis grave desde o punto de vista da seguridade viaria. “Esta falta de coherencia evidencia que as protestas da alcaldesa non responden ao interese xeral nin á seguridade dos veciños, senón a quen ostenta a titularidade da infraestrutura e a súa teima con confrontar sempre coa Xunta”, afirmaron.
Desde o Grupo Popular de Vilalba “esiximos á alcaldesa que actúe con responsabilidade institucional e defenda os intereses do municipio por riba de cores políticas, reclamando con firmeza ao Goberno central unha actuación inmediata para arranxar o acceso ao polígono industrial e garantir unhas condicións dignas e seguras para empresas, traballadores e usuarios”.