O PP esixe ao Goberno unha nova praza xudicial no Tribunal de Instancia de Viveiro

Os senadores populares consideran inxustificable Viveiro non figure entre as 500 novas unidades xudiciais que anunciou o ministro de Xustiza, o que supón un novo agravio para os veciños e profesionais da xustiza da zona e que contribúe a atrasos na tramitación dos procedementos e a unha peor calidade do servizo público da Xustiza.

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- xunto á voceira de xustiza do Grupo Popular no Senado, Pepa Pardo, veñen de rexistrar unha pregunta parlamentaria dirixida ao Goberno para reclamar a creación dunha nova unidade xudicial no Tribunal de Instancia de Viveiro, ante a grave sobrecarga de traballo que sofre este órgano xudicial.

O 26 de xaneiro de 2026, o ministro de Xustiza anunciou a creación de 500 novas unidades xudiciais en todo o Estado. Entre as prazas previstas non figura ningunha destinada ao Tribunal de Instancia de Viveiro, a pesar de que este xulgado atende unha elevada carga de asuntos e presta servizo a unha ampla poboación da Mariña lucense.

Os senadores do PP de Lugo, que realizan estas preguntas a petición da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, consideran inxustificable esta exclusión, que supón un novo agravio para os veciños e profesionais da xustiza da zona, e que contribúe a atrasos na tramitación dos procedementos e a unha peor calidade do servizo público da Xustiza.

As preguntas rexistradas polos senadores populares ao Goberno, para a súa resposta por escrito, son:

– Vai crear o Goberno unha nova unidade xudicial no Tribunal de Instancia de Viveiro?

– No caso de que a resposta á pregunta anterior sexa negativa, cal é o motivo para non crear esta nova unidade xudicial?

Para os representantes do PP de Lugo na Cámara Alta subliñan que a dotación de medios humanos e materiais suficientes nos xulgados é esencial para garantir unha xustiza áxil, eficaz e próxima aos cidadáns.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios