O Bergantiños pesca en inverno no caladeiro luso

Pedro Ramos e Javirro vestirán a camisola do Bergantiños desde a próxima xornada, logo que o club tente tapar o buraco deixado por Marru, que hai dúas semanas marchou ao Muaither da segunda división catarí. O pasado recente de Simón Lamas no Vizela foi o argumento fundamental para fichar ao primeiro e os contactos trouxeron ao catalán. Os dous teñen vinte anos.

Pedro Ramos

O portugués, que o 5 de marzo cumprirá 21 anos, é un centrocampista ofensivo manicho, que malia que inicialmente se formou no Porto, e logo no Vitória de Guimaraes, levaba no Vizela os dous últimos anos e medio combinando as presenzas no xuvenil e o sub’23, na primeira delas, e no sub’23 o o primeiro equipo na última campaña e media.
Simón Lamas coincidiu con el antes de vir a Carballo, cando na pasada sesión o técnico de Vilalba estivo na entidade vizelense.
Pedro Ramos acumula pouca bagaxe de partidos nesta campaña. Dous co equipo sub’23, que son os mesmos que co primeiro equipo, ao que hai que engadir outro na Taça. Neste último anotou o seu único gol, o que lle fixo ao Sintrense, de penalti, na segunda eliminatoria que o Vizela perdeu por 2-1 en Sintra.

Javirro

Javier Romano, Javirro, é un extremo esquerdo barcelonés. Os seus comezos foron na Damm, desde onde pulou ao R. Madrid. Na capital de España, logo de estar no infantil e no cadete de primeiro ano marchou a Cádiz. Estivo cos amarelos até rematar a súa etapa xuvenil e o pasado verán entrou no fútbol profesional da man do Torreense, da Segunda División portuguesa.
No club de Torres Vedras acabou acomodado no grupo dos sub’23, onde levaba disputados seis encontros. Até a marcha perdera todos agás o da visita a Faro, onde a escuadra azulada gañou por 0-2. Todos eles foron logo da súa estrea co primeiro equipo, cando no choque da xornada 3 contra o Sp. Lisboa B. O equipo de Vítor Martins perdeu no derradeiro minuto por 0-1 co catalán no campo.

Os dous atacantes veñen a Carballo demandando minutos e, fichados no derradeiro día do mercado, poderían estrearse como encarnados o próximo sábado, no encontro que o Bergantiños xogue contra o At. Astorga, na Eragudina, a partir das cinco da tarde.

Comparte éste artículo
No hay comentarios