Agulló é un dos xogadores en activo con máis campañas no fútbol estatal defendendo emblemas de equipos galegos. Antes de chegar a estas categorías pasou polo fútbol autonómico en equipos como o Orillamar e no At. Arteixo, cando fixera a súa primeira parada cos branco e vermellos.
Mediocentro, reconvertido a central co paso do tempo, nunca perdeu a herdanza de bo pé que lle deixou o seu pai, Jaime, do que o deportivismo sempre lembrará aquela obra mestra de repetir un libre directo fronte ao Huelva pasando a barreira polo mesmo lugar para superar a Vela logo que o colexiado invalidara o primeiro lanzamento (12/04/1986).
Pablo chegou ao fútbol estatal da man do Betanzos na campaña 2013/14. Na xornada 29 (09/03/2014), no seu vixésimo quinto partido na vella Terceira División, os encarnados recibían ao Negreira no Carregal porque o estado do céspede do García Irmáns precisaba reparacións. Naquela superficie cincenta, Agulló asinou o seu primeiro dobrete no fútbol estatal no triunfo por 2-0 do seu equipo. Bateu a Diego Penas aos catorce minutos e volveuno a facer no 85. Era o seu sexto gol no torneo, ultimo que faría naquela sesión.
Logo de estar ese ano no conxunto da Cidade dos Cabaleiros, pasou catro en Cerceda, cinco no Bergantiños e, na 2023/24, decidiu facer a súa segunda parada en Arteixo. En todo este tempo nunca volvera a anotar dous goles nun partido até o derradeiro día de xaneiro de 2026.
Faltaban 37 días para cumprírense unha ducia de anos daquel primeiro dobrete e contra o Lugo B fabricou o segundo na súa carreira no fútbol estatal.
Aos trece minutos non errou no penalti que lanzou sobre o marco de Mateo Suárez e, repetindo o dun gol en cada tempo, como aquela vez no Carregal, esperou ao segundo período para cruzar unha potente cabezada a un centro desde a dereita. O gol non só era o 2-1, senón que con el, case doce anos despois, Agulló celebraba por segunda vez o de apuntar dúas dianas no mesmo partido.
Foto. La preferente.com