A prestixiosa universidade británica concedeulle este recoñecemento pola súa investigación sobre factores de paz sostible no proceso de integración europea.
A Universidade de Cambridge (Reino Unido) vén de anunciar a concesión do premio do ‘Colin Bell Award 2026” na categoría de Historia Contemporánea a Cristina Blanco Sío-López, profesora do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da UDC especializada en Historia Contemporánea de Europa.
Este premio, outorgado polo Churchill College e o Churchill Arquives Centre da universidade británica, recoñece a investigación histórica orixinal do proxecto que dirixe a docente da UDC e que estuda como, nun contexto cada vez máis dominado polo conflito e a discriminación, os actores democráticos seguen buscando a paz a través dunha énfase na análise estratéxica e xeopolítica.
A investigación examina as coleccións de Alexander e Theodosia Cadogan e as de Maurice e Adeline Hankey no Churchill Arquives Centre, prestandoespecial atención aos documentos do Premio Nobel da Paz Philip Noel-Bakercentradas en temas de paz e desarmamento, debates de paz en ciencia e educación e paz e dereitos humanos nas relacións internacionais de Europa ao longo do século XX.
Neste sentido, o proxecto aspira a implementar o lema de Blanco de “botar a vista atrás para ver máis aló”, utilizando a análise crítica da Historia como base para o deseño de escenarios de construción e mantemento de paz profundamente arraigados en dereitos e liberdades fundamentais, que a investigación de arquivo podería devolver a un primeiro plano.
Cristina Blanco Sío-López
Cristina Blanco Sío-López, investigadora do CISPAC e do grupo ESOMI na Universidade da Coruña, foi elixida investigadora afiliada de Cambridge DigitalHumanities (CDH) e tamén do College Clare Hall da Universidade de Cambridge en 2025. Recibiu o Premio Nacional de Investigación ‘María Moliner’ 2024 en Humanidades por parte da S.M. o Rey de España e da Ministra de Ciencia, Innovación e Universidades en recoñecemento ás súas achegas ao campo da Historia Contemporánea e, en especial, ao estudo de proceso de integración europea. É tamén membro da Royal Historical Society(RHS) en Londres; da Young Academy of Europe (YAE); académica correspondente da Academia Nova de España (AJdE) e alumna e antigo membro do Comité Executivo da Global Young Academy (GYA).
O Colin Bell Award
Este premio foi establecido polo antigo alumno da Universidade de CambridgreNigel Grimshaw para honrar a Colin Bell DFC, un veterano da RAF de 104 anos, e para apoiar o traballo de arquivo sobre os documentos de Churchill, da Segunda Guerra Mundial e doutras coleccións relacionadas coa historia europea e global do século XX.
A cerimonia de entrega deste premio terá lugar no Churchill College en 2026 e incluirá unha estancia de investigación para a consolidación das investigacións en curso por parte dos premiados, un encontro persoal con Colin Bell e coas autoridades do College e da Universidade e unha conferencia pública na que os dous premiados compartirán os seus resultados e conclusións.