O Ineltrón Santo Domingo visita un perigoso Chantada en horas baixas

Os locais, necesitados de sumar, buscarán o reencontro coa vitoria.

Coa mel aínda nos beizos polo gran partido do domingo pasado, no que o Ineltrón Santo Domingo Betanzos derrotou con claridade ao Perfumerías Avenida de Salamanca, nun brillante último cuarto, os xogadores de José Amando Pena “Soviético” e Alberto Caamaño “Jimbo” buscan seguir coa boa xeira de resultados e sumar nunha das pistas máis difíciles de todo o campionato: a do Ucoga Seguros Chantada. O rival, un dos verdadeiros clásicos da categoría, non acaba de arrancar esta temporada 25/26 e, logo de sumar 6 vitorias en 16 partidos, ocupa o noveno posto da clasificación con dúas vitorias menos ca o Santo, que xa gañou na ida por 74-66. Porén, sacar algo positivo en Chantada non vai ser nada doado. O equipo adestrado por Alberto Fafián é sempre un rival complicado e máximo agora, en que busca engraxar a maquinaria coas novas fichaxes chegadas á plantilla coa idea de endereitar o rumbo. Se hai unhas semanas chegaba o internacional angolano Luis Jerónimo Bengui (18 pp), o nixeriano Ogunfolu e o zaragozano Martín Fernández Gil, proveniente do Marbella e con pasado no Estudiantes de Lugo, nas últimas xornadas chegou ao plantel o coruñés Alain Vázquez. Todos eles súmanse a un equipo, aínda resentido pola marcha do seu pivote William Alexis Burgos ao Valle de Egüés de Segunda FEB, no que destacan as anotacións de Eddie Czerapowic (11,3 pp), Anxo Casais (10 pp) e Cristian Iglesias (10,1 pp).

Así valora o encontro o adestrador betanceiro: “O Chantada incorporou novos xogadore ao equiponas últimas semanas, reforzando sobre todo o xogo interior. É un equipo ao que é dificil gañar na súa pista, pois impoñen un ritmo lento ao xogo, o que dificulta anotar con facilidade. Temos que tratar de impoñer o noso ritmo de xogo rápido e para iso necesiatmos defender moi agresivos e dominar o rebote defensivo”.

Estrea dos cadetes de J.Caamaño Arquitecto na Liga Galega

Polo demais, a xornada do Santo Domingo ten como protagonista o debut dos cadetes de J.Caamaño Arquitecto en liga galega despois do brillante ascenso conseguido na Estrada a semana pasada. Os rapaces de Chema Carretero, que nesta etapa han contar cos reforzos dos seus compañeiros do equipo de segundo ano, estréanse contra Estudiantes Pontevedra o sábado ás 12 horas no pavillón José María Valeiro Iglesias “Tocayo”. Outros partidos interesantes son os do Grelo contra Xiria, o das infantís de Warnier contra Culleredo, o dos infantís de Cyrdega contra Liceo e o das cadetes de Decornaveira fronte a Esclavas. O júnior masculino mídese ao Liceo na casa, as júnior de Infor-B descansan e os equipos de canastra pequena xogan ao completo. Polo que toca aos equipos sénior, o feminino xoga contra Pulpiño Galo, La Goleta en Narón e o outro conxunto de terceira contra Kempape

Comparte éste artículo
No hay comentarios