Tras a sesión plenaria celebrada hoxe para a aprobación dos orzamentos municipais, a concelleira María Reigosa quixo explicar o sentido do seu voto e a súa postura ante as emendas presentadas. Nun exercicio de coherencia e responsabilidade, a concelleira votou a favor dos orzamentos do goberno local, pero apoiou simultaneamente a proposta de bonificación fiscal para os terreos afectados polo PXOM que aínda non poden ser desenvolvidos.
O obxectivo desta decisión é dobre: por un lado, garantir a estabilidade de Lugo apoiando as contas públicas para 2026 e, por outro, corrixir unha situación inxusta que afecta a centos de propietarios na cidade. «O Concello non pode aproveitar unha situación de bloqueo urbanístico para lucrarse a costa dos veciños. É de xustiza que quen non pode construír non pague como se o seu terreo fose plenamente urbano«, declarou Reigosa.
Os puntos claves da medida defendida:
- Bonificación do IBI e supresión da plusvalía: Aplicable ás áreas de expansión previstas no PXOM onde aínda non se pode edificar.
- Respecto aos acordos plenarios: A medida dá cumprimento ao acordo adoptado por unanimidade no pleno do pasado mes de xullo.
- Responsabilidade financeira: A proposta non compromete a estabilidade de 2026, xa que a súa aplicación efectiva sería o 1 de xaneiro de 2027, permitindo o seu desenvolvemento técnico durante o presente ano.
- Dereito a reclamar: A concelleir abre a porta a que se estude como os afectados poderían reclamar importes cobrados de xeito indebido anteriormente.
María Reigosa, subliñou que o seu apoio ás emendas do Grupo Municipal Popular neste punto concreto responde exclusivamente a un criterio de equidade social. «O meu voto busca un trato igualitario para toda a veciñanza de Lugo. Cando se producen cobros que se consideran indebidos, a responsabilidade da administración é actuar de oficio e corrixilo, non mirar para outro lado» concluiu.