«Galicia é o modelo de gobernanza do que deben copiar os outros territorios do Estado…A Galicia con sentidiño…» son as mensaxes «ideas forza» repetidos constantemente por Núñez Feijoo e Alfonso Rueda. Pois imos reflexionar sobre o «modelo e sentidiño» que predican de maneira cotiá o que foi Presidente da Xunta e mailo actual.
A Xunta de Galicia mofase dos órganos de participación pública e un dos exemplos é o funcionamento do Consello Forestal que nin siquera se reúne nas dúas convocatorias ordinarias anuais que establece o seu propio decreto de creación… «Os órganos de participación pública en Galicia son estruturas colexiadas que fomentan a intervención cidadá e o diálogo co goberno, unha práctica esencial nunha democracia consolidada», Consello da Cultura, Consello Económico e Social, Consello Agrario, Consello de Medio Ambiente, Consello Forestal…órganos que teñen os seus propios decretos de creación, Consello Forestal (Decreto 306 do 29 do 12 do 2004) cumpre polo tanto neste 2026 os 22 anos. Como órgano colexiado ademais de polo seu decreto de creación tamén se regula pola Lei 40/2015 Réxime Xurídico do Sector Público. Dende que se creou as distintas organizacións que formamos parte do Consello Forestal temos presentado propostas, suxestions, solicitada a súa xuntanza por situacións que afectan a política forestal, á prevención e extinción de incendios forestais…o silencio e a calada nos máis de 20 anos da súa vida sempre foi o «sentidiño» practicado pola Xunta de Galicia.
Vaga de incendios do 2025, 1.000.000 de Has. arrasadas polo lume na UE, destas 540.000 Has. queimáronse no noroeste da Península Ibérica, delas 144.000 calcinadas en Galicia a ampla maioría na provincia de Ourense (18-20% da provincia queimada nun só ano…). A principios de setembro do 2025 Amigos da Terra solicitou xuntanza do Consello Forestal, reiterouse máis tarde a solicitude nin contestación nin xuntanza.
Segundo a lexislación da propia Xunta de Galicia débese dar prioridade aos traballos de rexeneración-restauración das zonas afectadas polos incendios, no 2025 máis de 120.000 Has. arderon na bacia Miño-Sil (arrastres de terras e de cinzas, forte erosión dos montes espidos de vexetación, o «chapapote do monte» contaminando e estragando os mananciais, os ecosistemas acuáticos…). Témolo dito reiteradamente, solicitadas reunións, a calada e o silencio sempre é a resposta.
Plan Forestal de Galicia 1992-2030 establecía que no 2030 en Galicia tiña que haber 250.000 Has., ocupadas por eucalipto, desviouse un chisco a previsión, hoxe temos preto de 500.000 Has., ocupadas por distintas especies desta árbore, a eucaliptización de amplas bisbarras do país segue desbocada, o decreto da «moratoria do eucalipto» nin nunca se cumpriu nin nunca foi compromiso do Goberno galego. Modifican o decreto da «súa moratoria» sen comunicalo nin tratalo no Consello Forestal…
Trocan a Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural, as dúas direccións xerais responsables da política forestal e da prevención e extinción de incendios e tampouco lle comunican nada ao Consello Forestal…
A Xunta de Galicia nega a participación pública, unha práctica propia do nepotismo do século XVIII non dos tempos actuais.
Como é preciso restaurar a legalidade e darlle vida a estes órganos democráticos de participación pública dende Amigos da Terra, como último recurso, achegamos queixa a Valedora do Pobo e a Comisión Europea.
Aconsellar aos nosos gobernantes que deixen de mofarse destes órganos públicos representativos. Mediante o diálogo e a participación dos sectores afectados é posible pórlle solución as eivas existentes, no caso forestal moitas e reiteradas.
URXE que deixen de mentir e enganar, urxe que practiquen o «sentidiño» que de maneira cotiá predica
Amigas das Árbores: «A Xunta de Galicia mofase dos seus propios órganos colexiados de participación pública»
No hay comentarios
No hay comentarios