Mañá, martes 10 de febreiro, ás 17:00 horas, terá lugar no Centro Sociocultural de Baio a inauguración da 8ª edición do Programa de Democratización do Coñecemento da Universidade Sénior da Universidade da Coruña, dirixido a persoas maiores de 50 anos da Costa da Morte. Nesta nova edición, preto de 80 participantes toman parte nesta iniciativa educativa.
A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon así en marcha unha nova edición deste programa de formación universitaria específico, que conta coa financiación da Xunta de Galicia e coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte e do Concello de Zas.
As sesións desenvolveranse durante os meses de febreiro e marzo no Centro Sociocultural de Baio (Zas) e contan cun total de 79 persoas inscritas, procedentes dos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe, Vimianzo e Zas.
O programa estrutúrase en tres módulos, compostos por sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña. As actividades celebraranse dous días á semana, en horario de 17:00 a 19:00 horas, e abordarán unha ampla variedade de temáticas de interese social, cultural, científico e sanitario.
Ao acto de inauguración asistirán a directora, Matilde García Sánchez, a adxunta a dirección da Universidade Sénior da UDC, Susana Iglesias Antelo e o alcalde de Zas e presidente do GDR “Costa da Morte”, Manuel Muíño Espasandín.
MÓDULO I. HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS
10 de febreiro: “O xigante esperto: China, a gran descoñecida”, do prof. Iván Nieto Cerdeiriña
11 de febreiro: “Arte de vangarda: manual de instrucións”, do `prof. Fernando Agrasar Quiroga
24 de febreiro: “A xustiza penal en España: mitos e realidades”, da profa. Eva Mª Souto García e o prof. J. Antonio Ramos Vázquez
MÓDULO II. CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA
3 de marzo: “A revolución dixital na xestión da auga”, do prof. Antonio J. Díaz Longueira
4 de marzo: “O coche do futuro moverase con hidróxeno?”, da profa. Socorro Castro García
10 de marzo: “Enerxías renovables e transición ecolóxica: o papel da cidadanía” da profa. Lucía Paz Aldrey
MÓDULO III. CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE
17 de marzo: “Cerebro: memoria, sono e rock and roll”, do prof. Casto Rivadulla Fernández
18 de marzo: “Evolución ou extinción: eu decido”, da profa. Esther Fernández Fernández.
24 de marzo: “Cambio climático: causas, consecuencias e solucións”, do prof. Salvador Fojón Polanco
Con este programa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos das comarcas da Costa da Morte, dando resposta ás súas inquedanzas e necesidades formativas desde a posta en marcha desta iniciativa no ano 2018.