A eurodeputada galega solicita unha reunión coa xefa da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte da Comisión Europea.
No cuarto aniversario do naufraxio do buque Villa de Pitanxo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda,vén de remitir unha pregunta á Comisión Europea para saber se a CE tivo acceso ao informe final da Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos (CIAIM). Ademais, a eurodeputada galega tamén pregunta se a Comisión Europea sabe se o Estado español tomou novas medidas de seguridade para evitar que volvan acontecer accidentes como o do Villa de Pitanxo.
“É necesario chegar ao fondo das causas que provocaron o terrible afundimento do pesqueiro”, subliña Ana Miranda, quen no documento remitido á Comisión Europea sinala que “aínda que se fala de sobrecarga do buque, en parte debido a uns tanques de combustible instalados sen autorización legal, case 4 anos despois, as familias dos falecidos seguen sen coñecer as causas reais doafundimento”, acontecido a 250 millas da costa de Canadá e no que faleceron 21 tripulantes.
Investigación independente
Por outro lado, a eurodeputada do BNG dirixiuse por escrito a Fotini Ioannnidou, xefa da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte da Comisión Europea-, para abordar unha cuestión tan importante como é desenvolver, nos casos de accidente, unha investigación independente e completa que vaia ao fondo das causas que efectivamente provocan os sinistros.
“Salvando as distancias que existen co accidente ferroviario de Angrois, non podemos consentir que os intereses partidistas impidan o desenvolvemento dunha investigación independente”, salienta Ana Miranda, quen amosa a súa solidariedade e empatía coas vítimas neste novo aniversario do afundimento do buque. “Non esquezamos ás vítimas do Villa de Pitanxo”, defende.