O sindicato reclama ao Concello que teña en conta a situación real do persoal e a necesidade de garantir condicións laborais dignas na elaboración dos novos pregos do servizo
CCOO do Hábitat Galicia denuncia a situación actual de parálise na negociación do convenio colectivo no centro de traballo de PreZero Xardíns Santiago, que continúa sen avances reais na posibilidade de alcanzar un acordo.
O 27 de novembro de 2024 foi denunciado por CCOO o convenio de empresa e iniciada formalmente a negociación dun novo en PreZero Xardíns Santiago. Porén, desde aquela data e tras máis dunha ducia de reunións celebradas entre a representación social e a empresa, non se produciron avances significativos na negociación nin achegamentos que permitan albiscar un acordo.
As diferenzas económicas entre a proposta da empresa e as reivindicacións da parte social seguen a estar moi distantes, o que empece calquera aproximación efectiva. Esta situación está a provocar que o cadro de persoal leve dende o ano 2025 sen incremento salarial, nun contexto de suba xeneralizada dos prezos e perda continuada de poder adquisitivo.
O comité de empresa mantivo unha asemblea o pasado día 29 de xaneiro, na que se trasladou o estado da negociación e se recolleu o malestar das persoas traballadoras ante o comportamento da empresa, que podería derivar nun inicio de conflitividade no centro de traballo.
O escenario resulta especialmente preocupante tendo en conta que o Concello de Santiago está a elaborar os novos pregos do servizo. O bloqueo na negociación por parte da empresa pode condenar o persoal a unha situación de estancamento a medio e longo prazo. De non se asinar un convenio actualizado antes da redacción dos pregos, existe o risco de que o Concello realice un estudo económico irreal sobre os futuros incrementos salariais, o que podería hipotecar as condicións laborais do persoal durante a vixencia da nova contrata.
Cómpre lembrar que, mentres no centro de traballo non se producen avances, no ámbito sectorial xa se alcanzaron melloras importantes. O 30 de xaneiro de 2026 publicouse no BOE o Convenio colectivo estatal de xardinería, que recolle importantes melloras. Así, increméntase o salario un 3 % para 2025 con efecto retroactivo, outro 3 % para 2026, un 3,5 % para 2027, un 4 % para 2028, un 4,5 % para 2029 e un 5 % para 2030. Ademais, subirá a paga de vinculación que, a partir de 2028, pasará a devindicar por importe de 900 euros en lugar dos actuais 450 euros, a aboarse en 2029, salvo rateo, sen vinculación a futuras contratas administrativas.
O convenio estatal tamén incorpora medidas como a adaptación da normativa de permisos retribuídos á lexislación vixente e á xurisprudencia actual; a equiparación do valor das horas complementarias das persoas contratadas a tempo parcial co das horas extraordinarias; a incorporación de linguaxe inclusiva e da normativa en materia de igualdade e LGTBIQA+ en todo o convenio; ou a adaptación e actualización normativa global do texto convencional.
Desde CCOO Hábitat Galicia consideramos imprescindible que a empresa retome a negociación con vontade real de acordo e que se garantan incrementos salariais acordes ao marco estatal do sector e á realidade económica actual. Así mesmo, instamos o Concello de Santiago a ter en conta a situación real do persoal e a necesidade de garantir condicións laborais dignas na elaboración dos novos pregos do servizo.
CCOO Hábitat Galicia continuará defendendo os dereitos das traballadoras e traballadores do servizo de xardinaría de Santiago e non descarta a adopción de medidas en defensa dun convenio digno e de salarios xustos