O BNG de Vimianzo criticou o despilfarro e a falta de transparencia do goberno municipal, evidenciados no último pleno. Segundo os nacionalistas, o Concello pechou o ano cun balance negativo de 479.000 euros, que deberá afrontarse cos ingresos deste exercicio, e cun informe negativo de Intervención que nunca foi facilitado, malia ter sido solicitado en dúas ocasións.
O portavoz nacionalista, Benxamín Queiro, denunciou ademais a mala xestión reflectida no incomprensible atraso de numerosas licitacións de servizos básicos, algunhas delas caducadas desde hai anos. Entre elas atópanse o contrato do servizo de recollida do lixo, o da escola infantil e o da vivenda comunitaria. Este último presenta graves consecuencias tanto para as persoas usuarias como para as traballadoras do servizo, que acumulan atrasos superiores aos 20 días no cobro das súas nóminas.
O BNG lamentou que, malia contar en 2025 co maior orzamento da súa historia, o Concello peche o ano en negativo sen acometer investimentos necesarios como o estudo dunha piscina climatizada ou a compra de terreos para a escola infantil.