O Victoria da Coruña mostrou a diferenza que o separa na táboa de O Val e derrotou ao cadro naronés no Víctor Fernández Alonso. Marta Cascón e Maca, antres do descanso, e Pereira e Carmen, en propia meta, no segundo tempo, puxeron nome aos catro tantos do xogo.
Nove minutos
Presumíase un partido fácil para o Victoria, cuxas xogadoras sabían do triunfo parcial do Celta B en Carballo e tiñan que seguir sumando de tres para non perder o ronsel das celestes.
As locais dominaron desde o comezo pero atoparon a un rival máis compacto, disciplinado, que non perdía posicións. As accións de xogo combinado, agás a primeira do partido, cun centro que non atopou rematadora, eran contrarrestadas polas valexas.
No minuto vinte quebrouse a igualdade na segunda finta de recepción e saída coa que Marta Cascón superaba a Ari na frontal. Volveu quedar soa ante Lidia, pero esta vez superouna cun xute cruzado para celebrar o seu sétimo gol na competición.
Pouco antes, nun roubo de Antía Delgado no pase de María Migallón a Río, dera á atacante a opción de bater a Ainhoa. Malia seu bo pé, precipitouse e disparou por fóra da portería.
O Victoria encamiñou o partido no minuto 29. As locais gañaron superioridade nunha subida pola esquerda. Marta Cascón recibiu polo centroe, puidendo culminar en vantaxe posicional sobre a mala basculación forasteira, foi xenerosa cun pase extra para Maca, A ex deportivista non tivo dificultade para cruzar a media altura o 2-0.
Lidia estivo acertada no resto do período sacando disparos de Merino e Nuria Sánchez, que aínda xutaría outro balón a rentes da trabe, o mesmo que Pereira ao fío do descanso.
Dous erros defensivos fan unha goleada
O segundo tempo comezou con ocasión para O Val. No minuto 50, Ainhoa detivo con problemas un golpe franco executado por Antía Delgado.
A partir de aí, o Victoria volveu dominar e xerar fútbol de ataque. Blanca, cun dobre drible que a deixou en situación de disparo, cruzou en exceso desde dentro da área dous minutos despois.
Tamén xutou fóra Noelia Sánchez na seguinte chegada local. O Val precipitouse na saída do saque de porta e o roubo do balón das locais, ante unha defensa desorganizada, facilitou que Pereira rebentara o coiro contra a rede no que foi o seu primeiro tanto na categoría.
Chegados á hora de xogo, Javi Angeriz comezou a facer probas que mostraron a polivalencia de varias das súas xogadoras.
No minuto 62, logo que Sofía aproveitara a saída branda de Lidia a un balón dividido e puidera xutar a gol algo ladeada, Natalia Veiga apareceu a tempo para salvar o gol a un metro da liña de gol.
A experimentada Lau, outra das incorporadas, viu como Lidia brillou cunha estirada para desviar o seu disparo desde a media lúa no minuto 64. Peque e Sofía asociáronse para pase e remate nos dous seguintes minutos.
O Victoria levantou o pé e O Val respirou. O partido estaba para que non houbera máis até que no minuto 78, Albita, colocou desde tres cuartos unha falta á área. Carmen, tentando o despexe, introduciu cunha cabezada o gol na súa propia meta.
O Victoria cumpriu o prognóstico e derrotou a un O Val a quen os quince partidos anteriores lle deron unha bagaxe que non tiña, Malias baixas e a escaseza de plantel, compite con moito máis rigor que nas primeiras xornadas.
Ficha
DOMINGO 08/02/2026 (18,00) Campo: VÍCTOR FERNÁNDEZ ALONSO (50)
VICTORIA C.F. : 4 ‑ S.D. O VAL : 0 (2‑0)
VCF : Ainhoa; Peque (Amado 70’), Albita (Valeria 60’), Río, María Migallón; Maca, Pereira (Alma 75’), Nuria Sánchez, Merino, Blanca (Sofía 60’); Marta Cascón (Lau 60’). Tre. Javi Angeriz. (Banco: Ana (g)).
VAL : Lidia; Alicia, Natalia Veiga, Ari, Iria (Bea D); Martina Soto (Antía Brage 60’), Carmen, Nata, Sara (Estela 66’), Noa; Antía Delgado. Tre. Marcos. (Banco: Marina).
Goles: 1-0 Marta Cascón 18’; 2-0 Maca 29’; 3-0 Pereira 54’; 4-0 Carmen 78’(pp).
Árbitro: Cedeira Méndez (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Cousillas Carrera e Jáuregui Cagigal.
Disciplina: CA: Merino 46’; Antía Delgado 37’; Peque 57’; Ari 85’ // VD: Río 84’.
Foto: María Migallón protexe a pelota ante Martina Soto. © 21noticias.com