O PP de Monforte denuncia o grave estado da N-120 e esixe actuacións inmediatas

Katy Varela: “Esiximos explicacións e actuacións inmediatas por parte das administracións competentes, xa que non é admisible que unha vía desta importancia continúe neste estado, poñendo en risco a seguridade das persoas e causando prexuízos económicos aos condutores”.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte lamentan o mal estado no que se atopa a estrada nacional N-120, unha situación que se viu gravemente agravada nos últimos días polas intensas choivas rexistradas, provocando numerosos incidentes e danos en vehículos.

A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, explica que a N-120 é unha vía fundamental para os veciños e veciñas de Monforte, xa que mentres non chega a tan demandada A-76, é a principal vía de comunicación coa provincia de Ourense. Trátase ademais dunha estrada que conecta cidades e vilas galegas de gran relevancia como Monforte, Ourense, Quiroga, O Barco de Valdeorras ou A Rúa.

“Cómpre lembrar que no mes de maio do ano pasado dende o Grupo Municipal Popular de Monforte presentamos unha iniciativa no pleno do Concello solicitando o arranxo urxente do firme da N-120, especialmente no seu trazado pola nosa comunidade autónoma, moción que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación, contando incluso co apoio explícito do alcalde, pero que vemos non tivo repercusión algunha porque o Goberno de Pedro Sánchez nada fixo”, sinalou.

A realidade é que non se levou a cabo ningunha actuación desde entón. A falta de mantemento e de investimentos tradúcese hoxe nunha estrada practicamente intransitable nalgúns tramos, onde nas últimas semanas se teñen producido decenas de incidencias que afectan á seguridade viaria e ao día a día dos usuarios.

Desde o PP de Monforte esiximos explicacións e actuacións inmediatas por parte das administracións competentes, xa que non é admisible que unha vía desta importancia continúe neste estado, poñendo en risco a seguridade das persoas e causando prexuízos económicos aos condutores.

Comparte éste artículo
No hay comentarios