O BNG reclama na Eurocámara máis orzamento para sanidade e investigación fronte a “deriva militarista” da Comisión Europea

EP Plenary Session - World Cancer Day

Ana Miranda denuncia o desmantelamento da sanidade pública con atrasos nos diagnósticos e nos tratamentos.

No marco da conmemoración do Día Mundial contra o Cancro, que esta semana centrou un dos debates do pleno do Parlamento Europeo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu a necesidade de “garantir os programas de saúde con maior orzamento, con apoio a programas científicos, máis hospitais e tratamentos, mais financiamento e menos desmantelamento da saúde pública”.

“Non podemos consentir o desmantelamento do sistema sanitario público cando polo contrario estase apostando por aumentar o gasto militar e as políticas militaristas”, subliñou a eurodeputada do BNG tras a aprobación dunha resolución con motivo do Día Mundial contra o Cancro. Pola contra, criticou rotundamente a “errada deriva militarista” que está impulsando a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen.

Ana Miranda puxo de releve casos concretos de atrasos na política de saúde pública, tanto na detección de cancros como no seu tratamento, atrasos que xa teñen sido denunciados pelos doentes. Ademais, explicou que o cancro é unha enfermidade que en Galiza causa a morte de cerca de 8.000 persoas por ano, sendo máis de 19.000 galegas e galegos que padecen esta enfermidade “unha doenza que esixe un diagnóstico, unha intervención rápida e un rigoroso acompañamento de saúde, o cal non sempre acontece.

Financiamento axeitado

No obxectivo de cumprir estes obxectivos, a eurodeputada galega considera imprescindible o completo desenvolvemento do Plan Europeo para Combater o Cancro durante todo el período do marco financeiro plurianual (FMF), que vai do 2028 a 2034, para garantir o financiamento axeitado.

Fronte á “deriva militarista” da Comisión Europea, Ana Miranda insta á Comisión e ao Consello a recoñecer a saúde e a atención oncolóxica de forma que o financiamento inclúa apoio aos proxectos oncolóxicos a longo prazo como programas de vacinación e cribado. Ademais, de salientar a necesidade de ter en conta as diferencias relacionadas co xénero na investigación, Miranda tamén defende mecanismos más sólidos para facilitar o acceso transfronteirizo á atención especializada do cancro e aos ensaios clínicos.

Precisamente o BNG votou esta semana en contra dos programa de orzamentos militaristas en varios informes da Eurocámara, que pedían aumentar o gasto militar e o armamento. “No BNG somos antimilitaristas e non imos aprobar ningún programa que vaia en beneficio da industria armamentística e da OTAN, senón que queremos apoiar fondos que vaian para a cohesión territorial, para a vivenda e infraestruturas, para a saúde e servizos públicos”, como salientou a eurodeputada galega no debate sobre o cancro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios