Ante as dúbidas xurdidas sobre o custo da retirada de niños de vespa velutina, o Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo quere informar á cidadanía sobre os protocolos vixentes e as taxas asociadas a este servizo para evitar malentendidos.
A Xunta de Galicia ten establecido un protocolo específico para o control da avispa velutina. Este servizo é canalizado a través da empresa pública TRAGSA, que se encarga de realizar as retiradas sen custo algún para os veciños. Para solicitalo, os particulares deben contactar co 012 ou co 112.
Os bombeiros son un servizo de emerxencias regulado por unha ordenanza pública. Esta normativa establece que:
- Intervencións de emerxencia: Se o niño supón un risco inminente para a vida das persoas, os bombeiros actúan con prioridade absoluta.
- Actuacións en propiedades privadas: Se non existe unha urxencia vital, a mobilización de medios humanos e materiais nun domicilio privado está suxeita ás taxas establecidas pola ordenanza, ao igual que outros servizos non urxentes.
Desde hai anos, o persoal dos parques de bombeiros aplica un protocolo de transparencia:
- Cando o 112 deriva un aviso de velutina, os bombeiros contactan directamente co titular da chamada.
- Infórmaselle da existencia do servizo gratuíto de TRAGSA.
- Advírteselle de que, de manter a petición de que sexan os bombeiros quen acudan, deberá abonar a taxa correspondente.
O Consorcio subliña que os bombeiros actúan conforme á legalidade e que a súa función principal é a resposta ante emerxencias. Recoméndase á poboación utilizar a vía de TRAGSA para a retirada de niños que non presenten un risco inmediato, garantindo así a gratuidade do servizo.