Podemos Arteixo amosou hoxe a súa «sorpresa e indignación» ante a recente publicación da acta do último pleno municipal, un documento que a formación morada levaba máis dun ano solicitando formalmente sen obter ningunha resposta por parte do goberno local.
Ao longo dos últimos doce meses, Podemos cursou numerosas peticións por escrito a través das canles oficiais. Durante todo este período, o Executivo municipal mantivo un silencio absoluto, sen achegar comunicación, explicación ou xustificación algunha polo atraso no acceso á información pública.
A publicación da acta chega agora acompañada dun encabezado que xustifica o borrado de información ao abeiro da Lei de Transparencia e de Protección de Datos. Para Podemos Arteixo, esta é unha interpretación restritiva e interesada da legalidade que constitúe unha nova traba á transparencia real.
Respectamos a protección de datos sensibles, pero non compartimos unha censura xeneralizada que impide comprender os debates e acordos do pleno”, sinalan desde a formación. Ademais, lembran que outros concellos, incluídos moitos gobernados polo Partido Popular, publican as súas actas sen este nivel de anonimización, garantindo o dereito á información completa.
A organización morada subliña que a transparencia non é unha «concesión graciable» do goberno, senón unha obriga legal e unha ferramenta esencial de fiscalización cidadá. Podemos Arteixo denuncia que se empregue a lexislación como escusa para dificultar o labor de control democrático.
A formación anuncia que seguirá traballando para que o Concello de Arteixo cumpra coas súas obrigas, dea resposta ás solicitudes formais e respecte o dereito da veciñanza a coñecer con claridade o que acontece na institución municipal