Lumedoloop (Jamas, Møu e DJ Mil) ergue o último veo antes da chegada do seu álbum debut co lanzamento de Fíos de Cor, unha peza creada xunto á artista Nastasia Zürcher e que xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Este é o derradeiro adianto que traza a ponte definitiva cara á Re)existencia, o seu primeiro LP, que verá a luz o venres 20 de febreiro.
Esta canción ocupa o núcleo emocional e simbólico do disco, o punto no que a dor deixa de ser só ferida para converterse en materia prima creativa, en conciencia e en luz. A súa publicación, a apenas sete días do lanzamento do álbum completo, marca un tempo de espera activa, no que o círculo conceptual comeza a pecharse.
Fíos de Cor é un exercicio de tradución simbólica, no que o hip hop se converte nunha ferramenta de introspección e coidado. A canción toma o vocabulario do folclore galego —o mal de ollo, as meigas, os saberes ancestrais— e despraza ese imaxinario cara ao territorio da psique contemporánea.
Jamas e Møu escriben e rapean desde un espazo ambiguo onde o sobrenatural funciona como metáfora: as sombras convértense en envexa, perversidade, medo ou auto-destrución; forzas invisibles que “enraízan de vagar” ata silenciar a voz propia. A letra constrúe así un relato de protección, aceptación e aprendizaxe, no que os antigos rituais —o sal, as herbas, a memoria colectiva— actúan como ferramentas simbólicas para habitar a escuridade sen quedar atrapados nela.
A resposta musical de Møu é unha produción envolvente: unha base de rap melódico e downtempo que funciona á vez como escudo e refuxio. A textura é íntima, cinguida sobre un groove hipnótico que sostén unha confesión sen dramatismos, mais cargada de tensión emocional.
No centro da peza, a voz de Nastasia Zürcher irrompe como eixo emocional,tecendo un retrouso que formula a clave de todo o proceso: as verdadeiras sombras habitan o “espello interior”, e só o amor pode “tecer na luz fíos de cor”.
“Sombras devoran o antigo fulgor,
sorben reflexos do espello interior;
tan só o amor esvaece a dor,
tece na luz fíos de cor.”
“Fíos de Cor ocupa un lugar moi especial dentro do disco”, explica a banda. “Non fala de vencer as sombras, senón de miralas de fronte e aprender a convivir con elas. De aceptar que forman parte de nós e de transformar esa escuridade en luz.”
UN VIDEOCLIP ENTRE O RITUAL E O CAOS
O sinxelo chega acompañado dun videoclip dirixido por Bastian Rodríguez, producido por Seispés Producións Creativas, Kachet, Elmembrillo Studio e Lumedoloop, e que conta coa colaboración do Concello de Ames. A peza audiovisual traduce a tensión interior da canción nunha alegoría contemporánea situada nunha nave industrial convertida en rave.
No corazón do tumulto, Jamas e Møu tentan soster a palabra —rapear— mentres o pogo, o ruído, a multitude, impídelles crear, xerando unha sensación de angustia progresiva. A masa convértese así na representación física das sombras interiores: o caos, a ansiedade, a vertixe.
Fronte a iso, Nastasia Zürcher emerxe como unha presenza case suspendida, cantando desde espazos de calma e luz; unha figura que encarna visualmente o amor que tece, ordena e cura. Intercaladas nesta tensión aparecen referencias rituais —o sal, o colar de allos, as herbas, os xestos simbólicos— que conectan a batalla íntima co imaxinario colectivo do folclore galego.