Iria Castro “Ante un problema que afecta a un servizo básico como é o abastecemento de auga, a información debe ser inmediata, clara e transparente”.
O BNG de Castroverde denuncia os problemas rexistrados a comezos deste mes na traída municipal da vila, cando a auga non presentou a calidade axeitada para o seu consumo debido a un cheiro moi desagradable que foi percibido de maneira evidente por numerosos veciños e veciñas.
Segundo trasladaron diferentes residentes, o mal olor afectaba tanto á auga da billa destinada ao consumo directo como á empregada para cociñar ou para o aseo persoal, xerando preocupación e malestar na poboación e numerosas queixas durante varios días.
A situación tamén tivo incidencia no CPI Castroverde, onde as cociñeiras víronse obrigadas a modificar o menú previsto nalgún día ante a imposibilidade de empregar a auga con normalidade nas tarefas de preparación dos alimentos, co obxectivo de garantir a seguridade alimentaria do alumnado e do profesorado.
Desde o BNG de Castroverde lamentan que o goberno municipal non comunicase esta situación á veciñanza nin emitise unha nota pública explicando o ocorrido e pedindo desculpas polos inconvenientes ocasionados. “Ante un problema que afecta a un servizo básico como é o abastecemento de auga, a información debe ser inmediata, clara e transparente”, sinala Iria Castro, voceira municipal.
Castro, explicou que “imos rexistrar varias preguntas para esclarecer as causas desta incidencia, coñecer que medidas se adoptaron e saber que actuacións se van implementar para evitar que esta situación volva repetirse no futuro. O goberno municipal débese aos veciños e veciñas e ten a obriga de actuar con transparencia e claridade en todo momento”.
O BNG de Castroverde considera imprescindible que se garantan controis rigorosos e unha comunicación eficaz coa poboación ante calquera incidencia que afecte á saúde pública e á calidade dos servizos básicos no concello.