Os homes e mulleres do Partido Galeguista queremos expresar o noso máis fondo sentimento de pesar polo pasamento do profesor Xesús Alonso Montero, erudito e militante social e político que fixo da defensa da identidade do noso país o eixo central da súa dilatada, rica e irrepetible traxectoria intelectual e cívica.
Mestre de mestres, Xesús Alonso Montero sementou por toda Galicia os valores republicanos, solidarios e de transformación social que emanaron da loita pola conquista da II República, da resistencia antifranquista e do exilio. A súa palabra e o seu exemplo ficaron para sempre vencellados á defensa da lingua, da cultura e da dignidade do noso pobo.
Os galeguistas atopámonos nese camiño con este home bo e xeneroso, que deixa tras de si innumerables iniciativas de reparación e recuperación da memoria histórica. Os actos e proxectos promovidos polo Partido Galeguista arredor de Castelao, Alexandre Bóveda e Luís Seoane afondaron nun irmandamento sincero e duradeiro.
A familia do Partido Galeguista estreita nunha aperta entrañable á familia do vello e prezado profesor, amigo e irmán Xesús Alonso Montero, que a terra che sexa leve.
Saúde e Terra por sempre.