A UDC inicia esta semana as obras de rehabilitación da ETS de Náutica e Máquinas

As obras, cun investimento de 1,5 millóns de euros, terán unha duración de 6 meses.

Desde esta semana a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETS) será sometida a unha intervención mellora de diferentes partes da súa infraestrutura. As obras, enmarcadas no Plan Integral de Rehabilitación, Mellora Enerxética e Humanización (PIRMEH), terá unha duración de prevista de 6 meses e un investimento previsto de 1,5 millóns de euros. 

O principal obxectivo da intervención neste edificio histórico, con máis de 75 anos e alto valor patrimonial, é corrixir as filtracións importantes que afectan actualmente á cuberta do edificio. Para iso, substituirase a cuberta existente de fibrocemento por unha nova de zinc, con baixantes vistas que respectan a modulación arquitectónica orixinal, garantindo unha solución duradeira e compatible co carácter histórico do inmoble.

Tamén se acometerá a substitución das carpintarías exteriores, que pasarán a ser de madeira, e a reparación da fachada mediante aplicación de pinturas ao silicato, mantendo e poñendo en valor os elementos patrimoniais do edificio.

Un dos eixos fundamentais será a mellora da accesibilidade, mediante unha actuación na entrada principal que permitirá o acceso de persoas con mobilidade reducida. Esta solución será respectuosa coa configuración do valioso vestíbulo, preservando a súa identidade arquitectónica ao tempo que garante a inclusión.

As obras inclúen ademais a renovación dun paquete de aseos, que serán adaptados para cumprir criterios de accesibilidade universal, en coherencia co Plan de Igualdade da Universidade da Coruña, reforzando o compromiso institucional coa inclusión e a equidade no acceso aos espazos universitarios.

Para que a execución das obras incida o menos posible na actividade docente da escola, están previstas as seguintes medidas: delimitación das zonas de actuación; instalación dunha marquesina provisional cuberta que comunique o edificio Antonio Tenreiro (principal) e o edificio de Malvinas para garantir a seguridade dos usuarios do centro.

No interior do centro, instalaranse pantallas de protección para mitigar a dispersión de partículas e a propagación de ruídos molestos. Así mesmo, naplanificación da obra tense en conta os períodos de exame para liberalos dos traballos mais molestos. 

Enmarcadas neste plan de conservación e mellora do seu patrimonio construído, a Universidade da Coruña tamén acometerá durante o ano 2026 outras dúas intervencións de calado. Trátase do Pavillón de Colonias do Campus de Oza e no edificio Xoana Capdevielle. Proxectos que están actualmente en fase de licitación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios