O Ineltrón Santo Domingo non pode co Universidad de Oviedo

Os ovetentes, moi superiores, non dan opcións: 86-104.

Se por algún momento parecía que o Ineltrón Santo Domingo Betanzos podía dar a sorpresa (chegou ir 17-12 a 3 minutos para o final do 1Q), ben axiña o rival, o Universidad de Oviedo demostrou o porqué de estar terceiro na táboa, empatando o partido a 22 ao final do primeiro lance e dominando o partido de aí adiante, cunhas vantaxes que, sen ser definitivas, si marcaban as pautas do encontro. Se no descanso os betanceiros chegaban cunha desvantaxe de 41-48, o terceiro cuarto, tras unha miraxe de reacción local (54-56) xa anticipaba a derrota (66-78).

Cun xogo rápido e con bo movemento de balón, os ovetenses, bastante certeiros na tripla (15/35) non baixaron a intensidade en ningún momento, dando ao traste coas expectivas dun Santo Domingo que, de amarrar esta vitoria na casa, daba un paso de xigante para a salvación matemática da categoría. Gañou o mellor, fose como for, e así o recoñecía José Amando Pena “Soviético” ao remate do encontro: “O rival impuxo un ritmo moi alto que non soubemos contrarrestar. Aínda que nalgunhas partes do partido estivemos competindo, a realidade é que só foi unha miraxe”. Coincidía no diagnóstico Nico Lagares, autor de dúas triplas naqueles momentos onde se apertou o resultado: “Foi un partido en que os dous primeiros cuartos estiveron bastante axustados, pero a superioriade física e de ritmo acabaron por darlle a vitoria con claridade”.

Destacaron as actuacións individuais de Abelleira (24 puntos e 10 rebotes para un 28 de valoración), Latas (19 puntos) e Luis Portilla (11 puntos) e Santi González, que aproveitou os seus minutos en pista para facer un 3 de 4 en triplas e sumar en tiro libre.

Vindeira semana, visita a un Marín que, pese a perder esta xornada co Estudiantes Lugo, conserva a praza de líder.

O partido terá lugar o sábado 21 ás 20h no pavillón municipal da Raña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios