Marín deixa ao Racing con dez e asume o protagonismo da virada do Celta Fortuna na Malata

Se na primeira volta anotara o gol do triunfo fortunista en Balaídos, Marín volveu a ser determinante no novo triunfo dos celestes contra o Racing. Con 1-0, recibiu a mordida de Zalaya pouco antes de empatar. No segundo tempo, nun dez contra dez pola expulsión do visitante Miller, cando o partido entraba no prolongamento, anticipouse aos centrais do cadro ferrolán para culminar a virada olívica nun centro de Arcos.

Unha mordida de Zalaya quebra a saída do Racing

O Racing púxose axiña por diante. Aproveitou a segunda dúbida do Celta Fortuna para sacar a pelota desde atrás. Álvaro Juan entrou na área, apurou até a liña de fondo e cando parecía ter perdido o coiro, foi quen de roubalo baixo a protección de Jaime Vázquez. Logo, case sen ángulo e sen atopar liñas de pase, colocou un disparo arriba co que sorprendeu a Carrillo.
Dous minutos máis tarde, no cinco, cos mesmos protagonistas, Carrillo lanzouse para desviar un xute de Álvaro Juan en condución.
A superioridade inicial do Racing quebrouse no numérico aos oito minutos. O árbitro revisou o monitor a instancias dos visitantes e expulsou a Zalaya. O central, nunha acción fóra de lugar, mordeu o brazo de Marín, que quería controlar o balón co racinguista ás costas, e foi expulsado.
Os fortunistas comezaron a mandar e Marín, dunha cabezada, mandou o balón á trabe no minuto trece. No quince,Guillermo Fernández tapou o buraco defensivo entrando Mardones por Dacosta e no 16, o Celta Fortuna igualou. Marín, a pracer, empurrou por abaixo un centro desde a esquerda servido por Marcos.
O empate non modificou que o Celta Fortuna mantivera a posesión. O partido xogouse na parcela defendida polos locais, que saíron nalgún tímido ataque pola dereita.
Os locais foron algo máis contundentes no treito final da primeira metade. No minuto 40, Pascu gañou o lateral da área, colocou un centro para a volea de Álvaro e Carrillo, estirándose, chegou coa man para desviar.
O meta celeste apareceu outra vez no comezo dos oito minutos de prolongamento. Saíu dos paus para tapar a colada de Mardones, a quen Álvaro lle deixara un balón con vantaxe na área. O meta alargou o brazo dereito e desviou o lanzamento do ferrolán.

A expulsión de Miller non impide a Marín ser o home do partido

Fredy fixo tres substitucións no descanso, Un dos novos, Antañón, disparou con pouco ángulo contra a parte traseira do poste aos 50 minutos.
Respondeu o Racing cun disparo de Pascu e outro continuado de Álvaro. Os dous foron rexeitados pola defensa fortunista.
O partido quedou nun dez contra dez superada a hora de xogo. Miller deu una cotobelada respondendo a unha falta de Álvaro Ramón e apañou o cartón vermello.
O Racing mellorou o xogo e logo dunha tripla substitución, Escobar, que entrara por Álvaro, xutou á base do pau desde a media lúa.
Calquera cousa podería acontecer. O Racing contaba con ocasións, algunhas moi claras, e o segundo conxunto celtista tiña o poder da pelota, sen parar de procurar solucións diante dunhas liñas rivais xuntas e ordenadas.
Co partido no primeiro minuto do prolongamento, e aproveitando unha falta lateral, Arcos puxo a pelota na área e Marín, anticipándose aos centrais, rematou co interior do pé ao fondo do marco de Parera.
O Celta Fortuna mantén o segundo lugar logo de derrotar ao Racing no Concepción Arenal, e as dúas veces da Liga, adiando a esperada reacción dos verdes, que poden ser baixados dos lugares de acceso á fase de ascenso

Ficha

VENRES 20/02/2026 (19,00) Campo: A MALATA (4.603)
RACING C. FERROL : 1 – R.C. CELTA FORTUNA : 2 (1‑1)

RAC : Parera; Edgar, Artetxe, Zalaya, Álvaro Ramón; Álvaro Juan (Concha 71’), Gorostidi, Fabio (Tejera 71’), Pascu (Azkune 88’); Álvaro (Escobar 71’), Dacosta (Mardones 16’). Tre. Guillermo Fernández. (Banco:: César (g); Lucas (g); Saúl; Azael; Jairo; Tavares).
CEL : Carrillo; Ribes, Meixús (Antañón D), Jaime Vázquez, Miller, Capdevila (Oliveras D), De la Iglesia, Khayat (Kibet D); Hugo González (Luis Bilbao 80’), Marín, Marcos (Arcos 75’). Tre. Fredy. (Banco: Barone (g); Marcos González (g); Ndiaye; Mateo; Noah; Somuah).
Goles: 1-0 Álvaro Juan 3’; 1-1 Marín 17’; 1-2 Marín 89’.
Árbitro: Cueto Amigo (Castela e León). Auxiliares: López Candanedo e Martínez Senosiáin. 4º árb.: Fernández Buergo.
Disciplina: CA: Hugo González 30’; Meixús 32’; Khayat 34’; Fabio 36’; Tejera 74’; Edgar 77’; Luis Bilbao 85’ // VD: Zalaya 8’; Miller 63’ / Elías Martín (2º tre. RAC) 89’.

Foto: Álvaro Juan no disparo que abriu o marcador. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios