O At. Arteixo derrotou ao Racing Villalbés na Madalena, co que toma máis distancia sobre os postos de descenso. O cadro chairego pon en perigo a terceira praza, que podería ocupar o Somozas ao remate da xornada. O partido definiuse no segundo tempo, cando chegaron os goles. Os visitantes anotaron axiña, por medio de Naya, e antes de entrar no treito final ampliou Hugo García. No prolongamento, os atléticos ficaron por dez pola expulsión de Lamas e, na seguinte xogada, aproveitando un penalti, recurtou a diferencia Pablo Trigo.
Pouco que contar
O primeiro tempo foi controlado polo Arteixo, que tivo a posesión. En calquera caso, o partido xogouse a un ritmo lento e de poucas ocasións. Agás un par de tiros sobre cada marco, non aconteceron feitos importantes na primeira media hora. Nada máis pasar polo terzo de xogo, nunha contra pola esquerda, Raúl Melo puxo un centro raso ao que non chegou por pouco Otero.
A ocasión máis clara foi local. No minuto 42, nun centro pola esquerda, logo do rexeitamento dun córner, Santi Prado picou polo centro da portería e Carlos desviou nunha áxil intervención.
O fútbol esperta no prolongamento
A segunda metade non mudou até o minuto 52. O Arteixo seguiu empurrando algo máis e nese intre, un centro desde a dereita de Rubén Martínez foi cabeceado por Naya na perpendicular do segundo pau. O gol coincidía co primeiro lanzamento entre paus dos visitantes.
O Racing Villalbés mellorou coa tripla substitución cando o encontro superou a hora de xogo. Juan Rodríguez modificou o debuxo por un 1x4x4x2 máis agresivo.
Sen embargo, o At. Arteixo clarexou as posibilidades de triunfo logo dunha falta de Cadra na que o colexiado tamén lle sacou o amarelo. Raúl Melo superou a barreira, Álex Santomé desviou sobre o bote, pero Hugo García, moi atento, empurrou á rede.
Pouco despois puido recurtar Javi Varela cun xute desde a media lúa que saíu desviado.
Aínda puido sumar un terceiro gol o At. Arteixo no fío do prolongamento. Rojo entrou na área polo bico dereito da área e, malia estar escorado, non lle quedou outra que finalizar cun golpeo cruzado ao que respondeu Álex Santomé alargando o brazo dereito para desviar.
Os visitantes comezaron a poñer en perigo os tres puntos cando Lamas recibiu dous amarelos no minuto 89. No saque da falta, Javi Varela foi derrubado nunha penetración até a liña de fondo e Pablo Trigo anotou o penalti deixando incertezas cara aos dous derradeiros minutos.
Unha falta lateralizada e un saque de esquina, con Álex Santomé xogando de dianteiro para axudar a culminar as ABP, non levaron o empate ao marcador da Madalena.
Ficha
DOMINGO 22/02/2026 (12,00) Campo: A MADALENA (300)
RACING C. VILLALBÉS : 1 – AT. C. ARTEIXO : 2 (0‑0)
VIL : Álex Santomé; José Varela, Edu Reigosa, Cadra, Santi Prado (Pablo Trigo 64’), López (Buyo 83’); Gael (Anthony 75’), Javi Varela, Make; Borja Míguez (Herrero 64’), Mosquera (Rey 64’). (Banco: Yago Miguélez (g); Hamza).
ART : Carlos; Marcos, Hugo García, Tomé, Berrocal; Rubén Martínez (Pablo Martínez 72’), Naya (Lamas 83’), José Ramón (Iván 88’), Fabio, Raúl Melo (Iker 83’); Otero (Rojo 88’). Tre. Posi. (Banco: Hevia (g); Agulló; Álvaro).
Goles: 0-1 Naya 52’; 0-2 Hugo García 71’; 1-2 Pablo Trigo 89’(p).
Árbitro: Padín Pita (Galiza-Ferrol). Auxiliares: Piñón López e Núñez López.
Disciplina: CA: José Ramón 66’; Cadra 70’; Iván 90’ // DA: Lamas 89’ e 89’.
Foto: Javi Varela impide a progresión de Fabio. © 21noticias.com