O Sindicato Nacional de CCOO denuncia a aparición, nas últimas horas, de pintadas no local da Unión Intercomarcal de Santiago-Barbanza situado en Ribeira. As frases escritas fan referencia ao recente conflito no sector da conserva, que rematou coa aprobación dun novo convenio colectivo apoiado pola maioría das persoas traballadoras consultadas en asembleas.
CCOO atribúe este tipo de actos á falta de respecto, por parte de certas organizacións sindicais, á vontade maioritaria expresada polo persoal do citado sector, que avalou o acordo acadado polos representantes de Comisións Obreiras e de UGT coa parte empresarial.
O sindicato fai un chamamento a respectar as diferentes visións sindicais que existen sobre os distintos conflitos e a evitar a demagoxia e a desinformación como método para xerar tensión entre o persoal. Resulta rechamante que algunhas organizacións sindicais parezan máis centradas en desgastar outros sindicatos que en combater a patronal e en lograr melloras efectivas para o conxunto das persoas traballadoras.