Galiza terá voz e voto no reparto dos fondos de cohesión grazas ao BNG

Ana Miranda: “Como eurodeputada galega defenderei os intereses galegos na negociación dos informes da Comisión de Política Rexional nos que son correlatora”.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, impulsará que Galiza xogue un papel fundamental no reparto dos fondos de cohesión, con voz e voto na Comisión de Política Rexional debido a que a eurodeputada galega é correlatora de tres informes de gran repercusión para Galiza: “Mecanismo Conectar Europa (CEF)”, “Programa Horizonte Europa”, e “Regulamento de Acompañamento dos gastos orzamentais (Performance)”.

“Na negociacións de presentacións de emendas nestes informes, como eurodeputada galega defenderei os intereses de Galiza”, subliña Ana Miranda, quen esta semana terá diversas intervencións nas sesións desta Comisión, na que é a única eurodeputada galega que forma parte de xeito titular. Miranda, destaca que grazas ao novo “Regulamento de Acompañamento dos gastos orzamentais (Performance)”, será posible ter un maior control na execución de proxectos con financiamento europeo, e polo tanto “aumentar o control orzamentario á Xunta de Galiza na execución dos fondos”.

Deste xeito, segundo explica a eurodeputada do BNG, será posible ter un maior control sobre os proxectos que contan con financiamento europeo en diversostemas fundamentais para Galiza, como son a defensa de biodiversidade, a adaptación climática ante emerxencias e catástrofes naturais, a prevención de proxectos que causen danos irreversíbeis ao medio ambiente ou, incluso, encuestións de xénero.

“Utilizaremos todos os mecanismos do novo regulamento de gastos para aumentar a transparencia”, salienta Ana Miranda, quen considera que o goberno galego deberá dar contas “polo miúdo” de como inviste os fondos europeos, xa que o novo modelo prioriza precisamente un enfoque baseado nos resultados e na rendición de contas.

Interacción transfronteiriza

A eurodeputada do BNG tamén intervirá mañá na Comisión de Política Rexional. Neste caso será para falar do “Mecanismo Conectar Europa (CEF)”, un instrumento clave de financiamento da UE para acadar o Pacto Verde Europeo e facilitar os obxectivos de descarbonización da UE para 2030 e 2050. Ademais, Miranda salientará a importancia que terá este mecanismo para apoiar o desenvolvemento de redes transeuropeas nos ámbitos do transporte, mellorar a seguridade enerxética mediante o pulo das enerxías renovables e facilitar a interacción transfronteiriza entre administracións públicas, empresas e cidadanía.

Finalmente, será o xoves cando interveña na Comisión de Política Rexional sobre o informe “Programa Horizonte Europa”. “Tanto o “Mecanismo Conectar Europa (CEF)”, como o “Programa Horizonte Europa”, e o “Regulamento de Acompañamento dos gastos orzamentais (Performance)” forman parte das prioridades xerais galegas na Comisión de Política Rexional”, subliña Ana Miranda.

Comparte éste artículo
No hay comentarios