O dúo samplea a Sade e mergúllase no disco-funk máis urbantrónico nun alegato a favor do desfrute sen culpa.
“Señor agente, o que di é antinatural: por pasalo ben estou facendo o mal?”. Así interpela Cibrán ás forzas e corpos de seguridade do Estado nun dos versos centrais do novo single do dúo galego. A pregunta, lanzada con retranca e coitelo, articula o corazón conceptual da canción: desde cando gozar é un delito?
Co sample de Is It a Crime de Sade orbitando a toda velocidade ao longo de practicamente todo o tema —convertido en columna vertebral da base—, Chicho e Cibrán constrúen en pouco máis de dous minutos e medio un alegato disco-funk sen perder esa ollada urbantrónica que atravesa a súa última etapa compositiva.
Acaso isto é un crime funciona como declaración de intencións: barras afiadas, hedonismo militante e unha defensa sen complexos da súa misión no mundo: desfrutar, desfrutar e desfrutar.
O tema chega semanas despois de Trae ese cú, un adianto visceral no que saldaban contas persoais mentres asinaban un dos hits máis frontais da súa traxectoria. Con este novo lanzamento, Boyanka Kostova amosan outra das caras de X, un traballo que promete expandir aínda máis o seu universo sonoro coincidindo coa celebración dos seus dez anos de carreira.