Sesión sonora con Xurxo Souto, este sábado, na Casa-Museo Manuel María

“A novela do Bravú” protagoniza esta sesión en que non faltará a música de Xurxo.

A música e a palabra xúntanse este sábado, 28 de febreiro, da man Xurxo Souto que estará, ás 18.30, na Casa-Museo Manuel María. O músico e escritor convida todas as persoas que se acheguen a unha sesión sonora, en que alén de cantar, presentará a súa última obra, “A novela do Bravú”.

Esta cóntanos a experiencia colectiva dun fato de xente nova que, nos anos noventa, decidiu saír do rego do discurso dominante e -co poder da lingua galega- dialogar con vehemencia coa súa propia realidade. Proclama que transcendeu desde as marxes e deixou pegada en toda a súa xeración.

Xurxo Souto, profesor de Latín e Grego, é coñecido pola súa faceta musical en bandas míticas do panorama galego como Os Diplomáticos de Monte Alto e a Banda Shangai. Dirixiu distintos programas de radio en galego como “A tropa da tralla” de Radio Coruña ou o programa da Radio Galega “Aberto por reformas”, onde desenvolveu unha actividade inmensa de difusión e divulgación da música en galego. Xurxo Souto escribiu, entre outros, Tres trebóns (2005), Contos do mar de Irlanda (2014), A gran travesía de Chiruca Macallás (2018), Pangalaica (2020), Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta (2024)…

Será, por tanto, a sesión deste sábado, un inmellorábel momento para coñecer de primeira man o proceso creativo, partillar impresións co autor e descubrir os segredos desta nova entrega. A actividade é de acceso libre até completar o aforo mais cómpre facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou whatsapp 698177621

Comparte éste artículo
No hay comentarios