O Proxecto Xenoma Galicia, protagonista da última conferencia que impulsan a Universidade da Coruña, a Armada e Navantia en Exponav

Convidada pola Cátedra Jorge Juan e mais pola Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, a coordinadora desta iniciativa que aspira a realizar probas de ADN a 400.000 persoas da comunidade, de entre 35 e 70 anos, para identificar variantes xenéticas de alto risco, María Brión, impartirá un relatorio, o vindeiro mércores 4 de marzo, ás 19:00 horas.

A Sala Carlos III de Exponav acolle, o vindeiro mércores 4 de marzo, ás 19:00 horas, a conferencia “A xenética ao alcance de todos: Que é Xenoma Galicia e por que é importante”, impartida pola coordinadora do Proxecto Xenoma Galicia e coordinadora da Unidade de Xenética Cardiovascular do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), María Brión, no marco da Cátedra Jorge Juan que impulsa a Universidade da Coruña (UDC) en colaboración coaArmada, baixo a dirección da profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Alicia Munín.

Cómpre sinalar que esta é a primeira vez que a Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, impulsada tamén pola institución herculina xunto con Navantia e liderada pola profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Ana Álvarez, e polo responsable de Transformación Dixital e Industrial en NavantiaRía de Ferrol, Rafael Morgade, se suma ao Ciclo de Conferencias da Cátedra Jorge Juan presentando un relatorio de gran interese para o conxunto da sociedade. 

Tal e como explica a propia María Brión, ao longo da conferencia explicarase,máis polo miúdo, que son os estudos xenómicos poboacionais e como iniciativas do tipo Xenoma Galicia representan unha oportunidade estratéxica para mellorar a saúde da nosa comunidade. “Abordaremos de forma sinxela como a análise do ADN de miles de persoas permite coñecer mellor o risco de enfermidades frecuentes e/ou raras, avanzando cara unha medicina máis preventiva e personalizada favorecendo a investigación biomédica, garantindo sempre a confidencialidade e o uso responsable dos datos”, argumenta.

María Brión é doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Desde hai 18 anos é a coordinadora da Unidade de Xenética Cardiovascular do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e, na actualidade, coordina o Proxecto Xenoma Galicia así como outras accións de medicina personalizada desde a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS – Xunta de Galicia), dirixida por ÁngelCarracedo. A maiores, tamén desenvolve un labor asistencial no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) como responsable dos estudos xenéticos e do asesoramento ás persoas usuarias da Unidade de Cardiopatías Familiares.



Comparte éste artículo
No hay comentarios