MJ Pérez presenta “Je tiens bon”, o seu quinto álbum de estudo

Estará presentando en directo na Festa do Queixo de Arzúa o domingo, 1 de marzo, ás 12.30h.

MJ Pérez presenta Je tiens bon, o seu quinto álbum de estudo, un traballo que chega despois dunha longa pausa discográfica e que marca un punto de inflexión na súa traxectoria. O disco presentarase en directo na Festa do Queixo de Arzúa esta fin de semana. A cita será o domingo, 1 de marzo, ás 12.30h.


Tras cinco anos sen publicar disco, este proxecto nace dun proceso fondo de transformación persoal e creativa: unha etapa de altos e baixos, de dúbidas reais e de reconexión co sentido de facer cancións. No fondo, Je tiens bon resume unha idea clara: manterse firme dende a calma; resistir, si, pero non dende o ruído, senón dende a serenidade, a confianza e a madurez. Unha especie de “Guerrilleira en calma”.


Je tiens bon combina canción de autora, pop, rock, música de raíz, ritmos latinos e brasileiros, e que se permite xogar sen pedir permiso. A diversidade de estilos non rompe a unidade do álbum porque hai unha esencia que permanece intacta: a voz, o xeito de escribir, os trazos harmónicos que aparecen case sen querer e unha identidade recoñecible que o público percibe incluso cando o repertorio viaxa dun idioma musical a outro.


O disco constrúese da man de amigas e amigos que acompañaron a MJ Pérez no proceso: as voces de Adhara Caamaño, Nastasia Zürcher, Noelia Perpetuo, Sofía Espiñeira e CRUA baixo a produción de Peter Petrowski; e a insrumentación de Ailén Kendelman, Alberto Romero, Iván Bernárdez, Mauro Gómez, Carolina Costa, Margarida Mariño, Richi Casás, María López e Xiana Naval.


Je tiens bon é resistencia, si, pero tamén teimosía e esperanza; é emocional, social, artístico e vital á vez. E, sobre todo, é unha declaración tranquila: aquí estou, sigo en pé. Hai cancións que dialogan coa idea de aprender a vivir sen quedar inmóbil ante os obstáculos: asumir que a vida se despexa camiñando. E hai cancións que poñen o foco nunha realidade cotiá que atravesa a unha xeración enteira: precariedade, vivenda imposible, esgotamento, necesidade de afecto e de humanidade.

O disco busca que quen o escoite se atope ao outro lado: que se recoñeza nunha frase, nunha emoción, nunha ferida ou nun xiro de humor. Porque Je tiens bon é un disco que alberga moitos universos: amor, desamor, rabia, alegría, loita, ironía, reflexión íntima e crítica social. Un álbum que non se sostén sobre unha única etiqueta nin sobre un único estado de ánimo, senón sobre unha idea maior: converter a experiencia —cos seus claroscuros— en canción.


No directo, MJ Pérez presenta Je tiens bon cunha proposta clara: as cancións como protagonistas. Ailén Kendelman nas percusións, Alberto Romero nas guitarras e Iván Bernárdez ao baixo, xunto á voz e guitarra de MJ Pérez. Sen artificios, sen decorados nin fogos artificiais, sen apoiar o show en pregravados. Música dende a honestidade e o traballo, con arranxos adaptados para que o repertorio manteña a súa forza sen perder verdade. O espírito do show é o mesmo que atravesa o disco: resistir dende a calma, celebrar dende a lucidez, e compartir co público un concerto onde o importante non é a posta en escena, senón o que pasa cando a canción sucede.


Logo da presentación do disco na Festa do Queixo este domingo, 1 de marzo, poderemos volver desfrutar deste directo o 25 de abril, na Sala Rebullón. Entradas á venda proximamente.

Profundizando sobre Je tiens bon

nivel lírico, o álbum móvese entre o íntimo e o social, e faino cunha mestura moi propia de MJ Pérez: emoción, lucidez e humor. Hai cancións que nacen da rabia convertida en obra, como “Covardía”, un tema directo contra a mentira, para MJ quen non vai de fronte é covarde. Hai cancións que dialogan coa idea de aprender a vivir sen quedar inmóbil ante os obstáculos: asumir que a vida se despexa camiñando. E hai cancións que poñen o foco nunha realidade cotiá que atravesa a unha xeración enteira: precariedade, vivenda imposible, esgotamento, necesidade de afecto e de humanidade.


Nese territorio aparece unha das pezas máis singulares do álbum: “Bingo”, un merengue que combina humor e ironía con crítica social. A chispa nace dunha escena real: unha visita “sen querer” a un bingo en Portugal. O retrouso, construído a base de números como se fose un bingo cantado, é un exercicio creativo tan arriscado como pegadizo; e por debaixo unha lectura clara de fondo: a vivenda e a precariedade son un problema colectivo, aínda que haxa quen non o vexa porque o ten resolto.


Tamén dende o humor aparece “Sector Servizos”, unha canción que xoga cunha idea tan cómica como profundamente humana: a confusión entre un xesto amable e a necesidade de cariño nunha sociedade cada vez máis despersonalizada. É, á vez, delirio e homenaxe: un recoñecemento a quen traballa de cara ao público, sostendo paciencia e dignidade nun lugar onde unha atención boa pode alegrarte o día… ou afundirte. A canción remata cun guiño á tradición popular (“vou dar a despedida…”) e cun xiro final que baixa a terra todo ese “amor”: pagaréi con tarxeta, adeus, que teñas bo día!. Porque si: hai afecto, pero tamén hai realidade laboral, e o disco non deixa de mirar a vida de fronte.


Por primeira vez na súa discografía, MJ Pérez incorpora ademais poesía musicada, establecendo unha ponte explícita entre Galicia e Portugal: dúas poetas fundamentais, Rosalía de Castro e Florbela Espanca, como parte orgánica do universo do álbum. No caso de Rosalía, o poema “Sempre pola morte esperas” está ligado á necesidade de “cantar” cando faltan as palabras. No caso de Florbela, a musicalización do soneto “Amar” nace dun descubrimento persoal: o agasallo da súa tia Sofía, unha lectura en pandemia e o impacto dunha autora adiantada ao seu tempo. Na cabeza de MJ aparece de inmediato un pulso de samba/bossa e o tema colle forma cun aire elegante e atemporal, reforzado polas cordas de Margarida Mariño.

O álbum destaca especialmente polas súas colaboracións, escollidas dende o sentido artístico. En “Covardía” participa Adhara Caamaño, cunha forza vocal salvaxe e unha estrofa que actúa como golpe de aire fresco: rabia, carácter e unha lectura perfecta da premisa. No tema en francés, «Ouais, Ouais» aparece Nastasia Zürcher, decisiva tanto polo seu universo vocal como polo seu vínculo natural coa lingua: unha colaboración que enriquece e eleva o tema.

Con Noelia Perpetuo, MJ crea un diálogo entre xeracións: dúas miradas con similitudes profundas, pero cunha distancia vital onde conviven o desgaste e a lucidez de quen atravesou obstáculos coa luz e a ilusión de quen aínda mira o mundo dende a frescura.


Con Sofía Espiñeira, MJ salda unha “débeda pendente”: unha coescritura total, unha canción conxunta que resume a aprendizaxe destes últimos anos e deixa unha idea central: non se pode esperar a que se despexen todas as incógnitas para camiñar; só camiñando aparecen as certezas.


E con Crúa, en “Ora aperta amor”, a colaboración vai máis alá do estudo: é un punto de inflexión humano e artístico, e unha canción que xa deu froitos tamén no directo.


Na produción, Je tiens bon é maioritariamente un traballo asinado por Peter Petrowski, MJ necesitaba precisamente un método distinto: construír dende maquetas reais, buscar camiños, saír de zonas de confort e modernizar o son sen perder esencia. A clave foi a vontade de dar unha volta máis cando facía falta. Mesmo en temas sen electrónica nin artificios —como “E Non me ves”— a produción buscou un son actual, fresco e contemporáneo.


O álbum inclúe ademais aportacións puntuais de Sérgio Miendes (Portugal) en Perdín a Memoria, cuxo xeito de traballar —repousado, honesto e profundamente empático coa pel do artista— deixou unha pegada clara na artista, e de Iago Blanco, responsable da produción de “Barco á deriva”, tema que actúa como porta de entrada a esta nova etapa e como punto de partida emocional do álbum.


A nivel instrumental, o corazón do disco apóiase na banda base que tamén sobe ao escenario: Ailén Kendelman nas percusións, Alberto Romero nas guitarras (e outros instrumentos) e Iván Bernárdez ao baixo, xunto á voz e guitarra de MJ Pérez. Súmanse aportacións específicas como Mauro Gómez á batería en “Covardía”, Iago Blanco á batería en “Barco á deriva”, os ventos en “Bingo” (con Richi Casás, María López e Xiana Naval), as cordas de Margarida Mariño en “Amar” e a frauta traveseira de Carolina Costa na Samba para Millene, entre outras participacións.

.

Comparte éste artículo
No hay comentarios