As Testemuñas de Xehová: “O novo centro, situado en Ames, permitirá seguir producindo contidos bíblicos en galego dirixidos a millóns de falantes”

As Testemuñas de Xehová inauguraron hoxe en Ames (A Coruña) a súa Oficina Remota de Tradución (ORT) ó galego, un centro dende o que un equipo de voluntarios colabora na tradución de publicacións bíblicas, traballando cerca da comunidade lingüística para ofrecer contidos claros e accesibles.

O acto, celebrado ás 12:00 horas, reuniu a representantes institucionais, académicos e culturais. Entre os asistentes estaban o Secretario Xeral da Lingua, Valentín García Gómez; en representación do Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, a Directora territorial M.ª del Mar Ferreiro Broz; o Alcalde de Ames, José Blas García Piñeiro; Uxía García Otero, Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado do Concello de Ames; a Secretaria da Real Academia Galega (RAG), Ana Isabel Boullón Agrelo; e a Directora do departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, María Lourdes Lorenzo.

Durante a inauguración, as autoridades realizaron un percorrido polas instalacións e asistiron a unha breve presentación sobre o proxecto e a súa contribución cultural e lingüística. Ó longo do percorrido, os asistentes puideron coñecer de cerca o traballo que realiza o equipo de tradución e conversar con algúns dos voluntarios implicados no proxecto. O encontro, duns 30 minutos de duración, concluíu cun aperitivo no que os asistentes puideron intercambiar impresións.

As novas instalacións permitirán seguir producindo contidos para os aproximadamente tres millóns e medio de persoas que falan galego en todo o mundo, un labor que as Testemuñas de Xehová levan a cabo neste idioma dende 2012 grazas ó traballo de voluntarios.

Pablo Vázquez, portavoz das testemuñas de Xehová en Galicia, sinalou: “Estamos profundamente agradecidos pola oportunidade de contar con este centro de tradución ó galego. Sentimos que é un auténtico regalo, non só para as testemuñas de Xehová, senón para toda a comunidade. Cada persoa que desexe achegarse á Biblia e descubrir a súa  mensaxe en galego pode celebrar este paso tan significativo.

Tamén nos fai moita ilusión recibir tantas palabras bonitas de veciños e coñecidos. Moitos destacaron a beleza da reforma e como este edificio renovado aporta vida e harmonía á vila. Para nós, estes xestos teñen un gran valor e anímannos a seguir traballando con dedicación e entusiasmo”.

Pe de foto. De esquerda a dereita: Aníbal Matos, Sede Nacional das Testemuñas de Xehová; Uxía García Otero, concelleira de Benestar Social do Concello de Ames; Ana Isabel Boullón, secretaria da Real Academia Galega; Pedro Gil, Xunta directiva das Testemuñas de Xehová en España; Lourdes Lorenzo, directora do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo; José Blas García, alcalde de Ames; María del Mar Ferreiro Broz, directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; Valentín García, secretario xeral da Lingua; David Baidez, portavoz da Sede Nacional das Testemuñas de Xehová.

Comparte éste artículo
No hay comentarios