O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova abre unha campaña de micromecenado para recadar 1.500 euros para completar o custo da peza que homenaxeará a Julio González, Amadeo López Bello, Silvio Torres e Eloy Romero, paseados no lugar o 29 de agosto de 1936.
A campaña que se abre esta fin de semana solicita doazóns de até 40 euros, que se poden facer a través dun ingreso na conta do Comité ou ben mediante unha transferencia por bizum.
Podes facer a túa achega na conta ES 6315 5000 0122 0023 2895 23, Banca Ética Fiare; ou ben enviar un bizum ao número 629 43 93 44
AS PRIMEIRAS CINCUENTA MECENAS que acheguen 40 € recibirán o agasallo dunha miniatura da peza orixinal xa colocada no lugar de memoria. Tamén se admiten outras achegas até esa cantidade.
A POZA DAS RAS e o espazo á beira do río Ourille onde o 29 de agosto de 1936 foron asasinados por elementos sublevados contra a República os mestres Julio González e Amadeo López, o chofer Silvio Torres e o farmacéutico Eloy Romero, e expostos publicamente os seus cadáveres. O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Concello de Verea solicitaron xa ao Ministerio da Presidencia a declaración da Poza das Ras como Lugar de Memoria, ao abeiro da Lei estatal 20/2022, de 19 de outubro.
En agosto de 1936, na Poza das Ras foron tiroteados até a morte, e abandonados alí os seus corpos para espallar o terror entre a veciñanza, Julio González Álvarez, de 25 anos, natural de Verea e mestre en Gontán (Verea); Amadeo López Bello, de 32 anos, natural de Carballeda de Avia e mestre en Beiro (Carballeda de Avia); Silvio Torres Díaz, de 23 anos, natural de Ourense, chofer de profesión e veciño do Couto (Ourense); e Eloy Romero Luis, de 28 anos, natural de Vilardevós e farmacéutico en Leiro, que fora presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense.
En agosto de 2023, o Comité organizou da man co Concello de Verea unha homenaxe trala que se acordou tramitar a solicitude como Lugar de Memoria e sinalar o espazo coa colocación dunha escultura do artista Xoán Torres Cidre, descendente dun dos asasinados. As doazóns que poidan chegar agora servirán para cubrir aproximadamente unha cuarta parte do custe da adecuación do espazo e da elaboración material da peza, xa que Torres Cidre realizou o seu traballo de xeito altruísta.
A intención do Comité, en conversa coas familias das catro vítimas, é levar a cabo a inauguración do memorial o próximo mes de agosto, mais antes continuarase ampliando a investigación sobre as historias de Eloy, Silvio, Amadeo e Julio, e a represión ao redor do cárcere de Celanova onde saíron os catro antes de ser asasinados na Poza da Ras.