O Traumacor Culleredo leva o derby nun igualado partido
Non houbo sorte. O Ineltrón Santo Domingo Betanzos podía dar un paso de xigante para certificar o obxectivo da permanencia e, lamentablemente, o Traumacor Culleredo soubo xogar mellor as súas bazas e levou o derby comarcal deste domingo. Comezaron ben os locais, gañando o 1Q por 22-17, pero os cullerdesen conseguiron un parcial de 17-30 no segundo período, cun Corbacho ben efectivo dende a tripla e moi activo en defensa, que rematou por poñer un 39-47 no luminoso ao descanso. A partir de aí, un Santo acirrado pola bancada logrou meterse no partido e, para contrariedade do banco visitante, o encontro chegou aos seus dez últimos minutos cun 59-61 que presaxiaba a igualdade que ía caracterizar os últimos lances. A falta de 5 minutos os locais lograron empatar a 72 (tras un intercambio de canastras de Randolph e Williams) pero o acerto dende a tripla de Corbacho, máis unha vez, acabou dándolle aos visitantes unha renda suficiente como para xogar con certa comodidade uns minutos finais que o Santo pelexou ata o último segundo. O 82-86 final fala ben ás claras da igualdade dun derby que tivo en Abelleira (25), Dani Martín (22) e Randolph (19) os seus máximos anotadores polo lado local e William (20), Corbacho (19) e Fall (16) polo visitante.
Así valoraba o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador do Ineltrón: “Un mal segundo cuarto en defensa, con dominio do equipo de Culleredo tanto en pintura como dende a liña de tres puntos foi decisivo para o desenlace do partido. O equipo traballou todo o que puido pero as baixas de Rozas e Miguel Latas deixáronnos en inferioridade no xogo interior. O equipo de Culleredo tivo moito acerto nas triplas. OS nosos pelexaron deica o final co apoio dos nosos seareiros”.
O Ineltrón Santo Domingo Betanzos, que suma a súa terceira derrota consecutiva, xoga o vindeiro sábado un dos partidos máis importantes no que resta de liga. O rival: un Sigaltec de Vilagarcía que queima os últimos cartuchos para a salvación.