A Sarriana aproveita erros da U.D. Ourense para gañar o derbi na Ribela

A Sarriana abeira os postos de salvación ligo dun intelixente triunfo sobre a U.D. Ourense. O bo traballo no primeiro tempo, beneficiándose de pases arriscados dos encarnados e anotando dúas veces por medio de Edu, e o oportunismo de Sané, puxeron unha distancia imposible a un rival que non deixou de crer, que perdeu varias ocasións a partir da hora de xogo, e que anotou por medio de Youssef, que antes mandara un balón ao pau. Migui revolucionou o final, pero non estivo atinado nas tres ocasións que tivo.

Aproveitar os erros

Os dous equipos deron ao partido moita intensidade. A presión adiantada ourensá, con dous homes e o dinamismo nas posicións do centro do campo parecía dar a iniciativa aos visitantes.
A Sarriana, simplemente, esperou o seu momento. Perfectamente colocada, aproveitou o primeiro ataque organizado. Montou a subida pola banda de Sané, mudou a orientación á esquerda, onde recibiu Millán, que observando a presenza de Edu en segunda liña, serviulle o coiro para que xutase con potencia arriba, desde a media lúa, facendo inútil a estirada de Manu Vizoso cando corría o minuto dez.
Volveu á carga o cadro local tres minutos despois. Sané roubou a Parrilla, conduciu até tres cuartos e, cando ollou como Santi o dobraba pola dereita, cedeulle a pelota. O do Courel, escorado, golpeou colocado e Manu Vizoso desviou polo fondo para evitar o segundo gol local.
Coa iniciativa visitante, a Sarriana viviu do erro, que esperou no minuto 28 no lado contrario ao da ocasión anterior. Millán roubou un mal pase na franxa central, correu o seu carril atraendo á defensa, esperou o inmediato apoio de Edu, que logo de pisar a área, encarou a Manu Vizoso antes de enganalo cun golpeo raso e celebrar o 2-0.

Un Ourense mellorado erra demasiado en ataque

Borja introduciu dous homes novos no descanso para tentar a virada. Como se houbera un pacto previo, o Ourense ficou definitivamente coa pelota. A Sarriana era incapaz de estirarse, pero mostrábase sólida atrás. Os visitantes tentaron varias veces que Justino desfixera a orde local, pero malia chegar á liña de fondo, non superaba a Piay.
A ocasión máis clara foi no minuto 66, pero os encarnados non foron quen de aproveitar os tres xutes na área. Pirot sacou o de Manu Núñez, o primeiro de Youssef rexeitouno un defensa co pé, e o segundo do atacante encarnado bateu no pau.
Máis clara foi a de Edu, que se beneficiou da mala medida na saída de Manu Vizoso. Meteu a biqueira para salvar ao porteiro, correu todo o que puido para evitar que o balón marchara pola liña de fondo, pero sen moito ángulo, xutou cruzado, a un palmo do poste, coa porta baleira.
O dominio do Ourense volveuse total, pero enfronte tiñan un traballo coral espectacular da Sarriana, con Jacobo e Maycon traballando arreo para que a Sarriana non se desfiara.
Un minuto despois, no 75, os locais sentenciaron o derbi cun centro desde a esquerda cara ao borde da área pequena, onde Sané foi máis rápido e anotou.
O Ourense amoleceu a diferenza no minuto 81 grazas a que Osián recuperoulle un balón a Maycon, marchou pola esquerda para poñer un centro medido á cabeza de Youssef e o punta, no centro da área, superou con toda a vantaxe a Pirot.
No minuto 84, desde a media lúa, Migui estivo perto do segundo cun disparo á esquerda de Pirot no que o meta fixo a estatua. O Sarriana perdera o control e, no seguinte minuto, nunha acción de Rufo que viu a ruptura de Migui polo interior da área, cedeulle para que encarara ao meta. Pirot tapou espazo na saída facendo que o atacante xutara peto da escuadra contra o lateral da rede.
O propio Migui, protagonista da parte final do choque, probou outra desde fóra da área, abaixo, pero Pirot estivo atento e salvou o gol cunha estirada á súa dereita.
No era o día do Ourense, que negado cara o gol, rematou o encontro con dez despois de que Víctor machucara a perna nunha disputa na banda.

Ficha

DOMINGO 01/03/2026 (17,00) Campo: A RIBELA (600)
S.D. SARRIANA : 3 – U.D. OURENSE : 1 (2‑0)

SAR : Pirot; Piay, Levrand, Parga (Juanan 89’), Berardozzi; Sané (Freire 78’), Maycon, Jacobo, Millán; Edu (Iker Escudero 78’), Santi (Boedo 62’). Tre. Dani Giménez. (Banco:: Embadje (g); Dono; Mourelo; Iago).
OUR : Manu Vizoso; Samuel (Osián D), Labrada, Lucas, Simón (Migui 77’); Santi de Prado, Champi (Rufo 62’), Parrilla (Víctor D), Justino; Youssef, Manu Núñez (Noel González 77’). Tre. Borja Fernández. (Banco: Rielo (g); Varo; Pol; Fernando).
Goles: 1-0 Edu 10’; 2-0 Edu 28’; 3-0 Sané 75’; 3-1 Youssef 81’.
Árbitro: López Vila (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Reborido Rodríguez e Martínez Santos.
Disciplina: CA: Parrilla 18’; Simón 50’; Berardozzi 65’; Edu 71’; Manu Vizoso 71’; Sané 75’; Osián 87’; Labrada 90’.

Foto: Jacobo obriga a Santi de Prado a recuar cun balón a Samuel. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios