Circe, Morgana e a rapazada do CEIP O Pombal do Calvario ábrenlle camiño da man do teatro á Primavera das Letras de Begoña Caamaño

A escritora An Alfaya, compañeira de estudos e amiga da homenaxeada, escribiu para esta iniciativa unha peza teatral chea de maxia e aventuras, para ler e representar dentro e fóra das aulas, na que Begoña Caamaño se reencontra coas personaxes principais das súas novelas.

“Foi unha xornalista e escritora singular e vital, coma ela non hai outra igual!”. O berro xubiloso escoitouse esta mañá na voz dun dos alumnos do CEIP O Pombal de Vigo que actuou na presentación da última edición de Primavera das Letras, o proxecto da Real Academia Galega para a rapazada, que este ano ten como propósito achegar o público máis novo a Begoña Caamaño (Vigo, 1964 – Santiago de Compostela, 2014). Esta alegre síntese da figura literaria e da personalidade carismática da protagonista do vindeiro Día das Letras Galegas forma parte da peza teatral que outra escritora da súa xeración e compañeira de estudos, An Alfaya, escribiu para o espazo infantil da RAG. A obra concibiuna Alfaya para ler e representar dentro e fóra das aulas, e a ilustradora Laura Romero foi a encargada de recreala en imaxes cheas de expresividade. O resultado pode desfrutarse xa enprimaveradasletras.gal xunto ás primeiras actividades interactivas dun espazo virtual que nas vindeiras semanas irá ofrecendo novos contidos arredor do universo vital e literario de Begoña Caamaño.

“Escollemos unha escola do barrio do Calvario, o territorio vital da infancia de Begoña Caamaño, para abrirmos o noso calendario de celebracións das Letras Galegas 2026 porque a semente, o presente e o futuro da nosa lingua e da nosa literatura reside en boa medida en espazos coma estes”, salienta o presidente da Real Academia Galega. “Co seu bo facer e compromiso, as mestras e mestres son quen de nutrir a práctica, a curiosidade, o respecto e o entusiasmo pola nosa fala dos nosos fillos e fillas, dos nosos netos e netas. A escola pode e debe ser tamén un espazo privilexiado onde alimentar o amor pola lectura en galego como fiestra de aprendizaxe e goce desde a que se asomar ao mundo máis próximo e ao universo enteiro”, engade Henrique Monteagudo.

“Primavera das Letras busca ser unha ponte entre a RAG e os colexios de toda Galicia”, explica Fina Casalderrey, coordinadora deste proxecto que se desenvolve desde 2016 co apoio da Deputación da Coruña. “Desta volta o reto consistiu en falarlles aos nenos e nenas dunha autora que non escribiu para a xente miúda, pero An Alfaya conxurou os seres míticos dos seus libros e fíxoos respirar nunha deliciosa peza teatral que agardamos que se represente en moitos colexios e asociacións culturais de todo o país”, sinala a académica, tamén escritora cunha recoñecida traxectoria no eido da literatura infantil e xuvenil. “E as modernas ilustracións de Laura Romero, envolvidas nunha cor violeta que nos lembra os dereitos das nenas e das mulleres que tanto defendía Begoña Caamaño, alédannos e axúdannos a gozar máis do texto e a saber máis dunha autora que nos deixou unha magnífica obra”, valora Casalderrey.

O Pombal comparte os valores que defendeu Begoña Caamaño”

A académica conduciu o acto que arrincou coas palabras de benvida do director do CEIP O Pombal, Daniel García, e pechou o presidente da RAG canda Beatriz Caamaño, en nome da familia da homenaxeada. Tanto a irmá da autora coma o mestre fan tamén fincapé na responsabilidade compartida de manter viva a lingua que Begoña Caamaño escolleu para vivir, traballar e crear, así como na súa defensa dunha sociedade máis xusta en todos os sentidos.

“Begoña Caamaño loitou pola igualdade entre mulleres e homes, defendeu servizos públicos como a educación e a sanidade, e tamén se comprometeu co galego, demostrando que é unha lingua chea de forza, beleza e futuro. O Pombal comparte con Begoña eses valores”, expresa o director. “Nós, como docentes queremos formar persoas críticas, sensibles e responsable, como era ela. Traballamos cada día pola igualdade real entre nenas e nenos, como dixo ela reescribindo os clásicos para facer das secundarias as verdadeiras protagonistas. Tamén defendemos o ensino público porque é de todas e todos, e tamén promovemos a lingua galega para non perdermos a nosa identidade”, engade Daniel García.

As súas protagonistas están na rúa, en todas as partes

Beatriz Caamaño destaca igualmente o compromiso da súa irmá con múltiples causas que cómpre defender: “A muller (o feminismo), a liberdade, a xustiza social e con ela a defensa dos servizos públicos (a sanidade, a educación, a información etc., garantía da igualdade de oportunidades) e, como non, a lingua, son os grandes eixos do seu pensamento, da súa obra xornalística e literaria e, en fin, da súa vida”. En relación coa primeira, a defensa da igualdade de xénero, escolle unha pasaxe da segunda e derradeira novela da autora, Morgana en Esmelle (2012) e un fragmento do seu discurso na presentación deste libro en Vigo para resumir a súa fonte de inspiración como narradora. Naquela intervención, Begoña Caamaño recordou que as protagonistas das súas historias non son personaxes creadas nin reinventadas por ela porque “existen de seu e están en todas as partes”: “Están na rúa, nas facultades, nas tabernas, nos mercados, nas fábricas, nos teatros… Ás veces, insubmisas, toman as prazas en manifestacións multicolores, noutras ocasións permanecen prisioneiras nas súas casas e pagan moi caro, mesmo coas súas vidas, o prezo da rebelión”.

En nome da familia, Beatriz Caamaño rematou a súa intervención animando a rapazada a manter sempre viva a curiosidade e se mergullar no mundo da lectura como a protagonista do vindeiro 17 de maio fixo dende nena. “Mirade sempre ao voso redor cos ollos ben abertos, con curiosidade. Non deixedes nunca de preguntarvos e preguntarlles aos demáis o porqué das cousas e non teñades medo nunca, nunca, de dicir en voz alta todo aquilo co que non esteades de acordo. E lede, lede moitos libros, sede protagonistas de historias incribles, deixade que a vosa imaxinación vos leve a mundos de fantasías que, tal vez, algún día, por que non, se convertan en realidade”, concluíu.

Unha obra teatral para ler, levar á escena, adaptar e gozar

Os grandes protagonistas da festa da Primavera das Letras foron os nenos e nenas encargados de levar á escena unha representación inspirada nos primeiros compases de Uuu-uuu, BEGOÑA! (Teatro para a infancia cun LANZAMENTO, tres LANCES e un DESENLANCE), centrados na presentación da traxectoria da escritora e xornalista e na relación de mulleres que a precederon como protagonistas do Día das Letras Galegas. Entre outras chiscadelas, mereceron mención especial Rosalía de Castro, a autora que a RAG elixiu en 1963 como figura inaugural do Día das Letras Galegas, e as cantareiras, ás que lles dedicou o pasado 17 de maio, cuxo legado soou na voz e na pandeireta de Zoe, unha das pequenas que formou parte do elenco artístico. E mais a cantante Uxía Senlle, amiga de Caamaño e unha das personaxes da obra de Primavera das Letras.

O texto orixinal de An Alfaya (Vigo, 1964) transcorre na véspera do 17 de maio entre dous mundos, O Bosque do Aquén e o Bosque do Alén, e constitúe unha aventura na que Begoña Caamaño contará coa axuda das protagonistas das súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), para poñer a salvo un cofre máxico que agocha o gran tesouro das Letras Galegas 2026. “Aínda que curta, a obra literaria de Begoña Caamaño foi absolutamente renovadora no panorama galego. Deulles a volta aos mitos, nos que os heroes eran sempre os homes, e contounos dándolles voz ás mulleres. Por iso tiven claro desde o principio que nesta obra tiña que haber unha comuñón entre a creadora e as súas creacións, para achegarlles tamén ás nenas e aos nenos eses mitos. Para que saiban quen eran Circe e Morgana, para que se fagan preguntas”, expón An Alfaya.

Laura Romero (Alacant, 1991) destaca pola súa banda o “emocionante” que lle resultou ilustrar un proxecto coma este. “Existe tamén unha sensación similar ao bloqueo inicial por mor do respecto que unha lle ten á persoa homenaxeada. Con todo, foi moi sinxelo, xa que o texto e a sensibilidade de An, e a información que se me deu da Begoña Caamaño máis familiar e próxima, facilitaron moito que puidese traballar nunha personaxe e nun universo imaxinario e máxico. Desde logo Uuu-uuu, BEGOÑA! é unha maneira preciosa de achegar a figura de Begoña Caamaño á rapazada e familiarizala co teatro”, valora a creadora ordense.

Comparte éste artículo
No hay comentarios