O Concello de Noia informa de que no día de hoxe deron comezo as obras para a mellora do pavimentado e a humanización dos Xardíns Felipe de Castro, situados na Alameda de Noia.
O alcalde de Noia, Fran Pérez, destacou a relevancia desta actuación, sinalando que “trátase dunha obra na que estivemos traballando dende que chegamos ao goberno, hai seis meses”.
O rexedor subliñou ademais que “é unha obra importantísima, que sumada aos traballos de limpeza integral e melloras na contorna e ao adecuamento do Campo da Feira, van supoñer unha mellora importantísima da imaxe dun lugar tan central para Noia como é o entorno da Alameda”.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Manolo Siejas, explicou que se trata “dunha obra de preto de 90.000 euros realizada con fondos europeos, con cargo ao PSTD”. Así mesmo, indicou que esta intervención permitirá “un tránsito moito máis estilizado entre o casco histórico e a Alameda de Noia, dous puntos fundamentais da vila”.
Desde o Goberno municipal agárdase que os traballos estean rematados para finais do mes de abril, coincidindo coa celebración de San Marcos, co obxectivo de que veciñanza e visitantes poidan gozar dun espazo renovado, máis accesible e integrado na contorna urbana.