MUGOC entrega 3.000 euros ao Centro Oncolóxico de Galicia na presentación do libro solidario «Presas de Historias»

O salón de actos do Centro Oncolóxico de Galiciaacolleu este martesa presentación do libroso lidario Presas de Historias – Deporte e Paixón,  unha iniciativa impulsada pola asociación MUGOCMételle Un Gol Ó Cancro que combina deporte, cultura e compromiso social cun obxectivo claro: seguir sumando esforzos na loita contra o cancro.

O acto, conducido pola actriz e presentadora galega Isabel Blanco, reuniu representantes do centro oncolóxico, membros da asociación, persoas colaboradoras do proxecto, autores participantes na publicación e público asistente.

Durante o evento fíxose entrega dunha doazón de 3.000 euros, procedente da recadación da última edición do torneo solidario celebrado en Abegondo. A achega destinarase á renovación e instalación de televisores de uso gratuíto nas habitacións, dentro do proceso de humanización das instalacións hospitalarias impulsado polo propio centro.

O director do Centro Oncolóxico de Galicia, o doutor Alfonso Mariño, destacou a importancia da iniciativa:

“Cando vén da solidariedade, apréciase moito máis. Ademais vai ter un bo destino. Estamos nunha fase de humanización; xa podedes ver a fachada, e estamos humanizando todas as plantas, porque era preciso darlle comodidade e confort aos pacientes. Unha das cousas que había que renovar eran as pantallas de televisión. O que está ingresado necesita estar entretido, e isto vainos servir para facer unha renovación das pantallas e que sexa de forma gratuíta para os doentes que estean aquí. A gratitude é inmensa. Simplemente, moitas grazas”.

Mariño tamén resaltou que mellorar o confort das persoas ingresadas forma parte dun enfoque integral da atención sanitaria.

Pola súa banda, o secretario de MUGOC, José Núñez, puxo en valor o carácter colectivo do proxecto:

“Mételle un Gol ó Cancro non é só un torneo, é unha comunidade que decide implicarse. Cada acción é un paso máis, cada libro vendido é un novo gol”.

Ao ser preguntado polo prezo do libro, confirmou que o exemplar ten un custo de 15 euros, ao que o escritor Carlos Ares respondeu con humor: “Non son cartos!”.

Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a lembranza de Mari Carmen Presas, a quen está dedicada a publicación, evocada como símbolo de compromiso, unión e xenerosidade.

O ex capitán do Deportivo da Coruña, Fran González, ofreceu un testemuño especialmente sentido: “Grazas a todos pola vosa presenza aquí. Grazas tamén ao Centro Oncolóxico por facer posible este acto. Pola amizade que eu tiña con Mari Carmen, de verdade que lle faría moi feliz este libro. Era unha persoa moi xenerosa, daba todo sen pedir nada a cambio. Foi unha figura fundamental. Eu creo que sen ela non sería posible toda esa unión durante anos e anos”.

Fran lembrou tamén o seu compromiso constante: “Sempre estivo involucrada, sobre todo neses partidos de Nadal que nos unían a todos. Eu sempre dixen que para min era como unha segunda nai aquí na Coruña, porque me coidou moitísimo durante moitos anos e nos momentos de máis dificultades, alí estaba ela, a pesar da enfermidade. Tiña máis vitalidade que moitos de nós. Eu sei que hoxe estará un pouquiño máis feliz e orgullosa grazas a este libro”.

O escritor e guionista Carlos Ares falou do seu relato incluído no libro, centrado no seu soño onde imaxina o seu debut en Riazor. Tamén destacou o valor simbólico da figura homenaxeada: “Para min, o Deportivo é Mari Carmen Presas. Esa solidariedade. Ser boa persoa”.

Ao longo da presentación, Isabel Blanco destacou o poder transformador do deporte: “O deporte pode ser moito máis que a competición; pode ser compromiso, pode ser comunidade, e oxalá sempre sexa solidariedade”.

Tamén puxo en valor o legado feminino representado por Maricarmen: “Hai mulleres que veñen do verbo facer. Hai mulleres que son motor. Que non precisan dunha cámara ou dun altofalante para que se vexa todo o que fan. Fano porque lles nace”.

E pechou o acto coas seguintes palabras:

“Un torneo convertido en apoio real.
Un libro convertido en compromiso.
Unha comunidade que decide non quedar quieta.
Seguiremos xogando este partido.
Seguiremos escribindo historias.
Seguiremos meténdolle un gol ó cancro”.

Presas de Historias – Deporte e Paixón reúne textos de diferentes autores e autoras arredor do deporte e das emocións que o acompañan, converténdose nun proxecto que vai máis alá da literatura para transformarse nun instrumento solidario.

Con esta iniciativa, MUGOC reafirma o seu propósito de seguir implicando á sociedade na loita contra o cancro, demostrando que a colaboración cidadá pode traducirse en melloras concretas e palpables para as persoas que afrontan a enfermidade.

Fotografías: Dani Patiño @mora_herrero

Comparte éste artículo
No hay comentarios